O Festival Xoldra de Aguiar regresará ao Pereiro para reivindicar as festas populares no rural

Pereiro de Aguiar acollerá o vindeiro 13 de setembro nos Gozos o festival Xoldra de Aguiar, unha xornada cultural pensada para recuperar o espírito das festas populares galegas, combinando música en directo, maxia, gastronomía e actividades infantís nun entorno rural e ao aire libre.
O evento contará coas actuacións do mago Pablo Estévez, a Agrupación Musical da Limia e o histórico grupo Milladoiro. Durante todo o día haberá programación para público de todas as idades, desde a sesión vermú ata a noite, e incluirá tamén postos de polbo e comida tradicional galega, así como animación para nenos e nenas.
O festival, patrocinado por Turismo de Galicia e co apoio da Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Pereiro de Aguiar, busca poñer en valor a tradición das festas populares sen recorrer a grandes estruturas, apostando por unha ambientación que destaque o patrimonio natural e etnográfico do lugar. A celebración maioritariamente diúrna tamén contribuirá a reducir a contaminación acústica e luminosa.
A presentación oficial do evento tivo lugar hoxe en Ourense e contou coa presenza do delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo; do director da Área de Cultura e Deporte da Deputación, Marcos Vázquez; e do concelleiro de Cultura de Pereiro de Aguiar, Casiano Ángel Feijóo. Durante o acto destacouse o carácter integrador do festival e o seu papel como dinamizador cultural e social no rural galego.