O Fondo Galego celebra en Allariz un obradoiro para implantar a Axenda 2030 no eido local

OurenseXa
A actividade encádrase no proxecto europeo ‘People & Planet’ e culminará coa formulación actividades sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible
obradoiro-ods-allariz
Obradoiro ‘Todos os ODS son locais’
20 Maio 2024

Oito concellos galegos, entre os que se atopa Allariz, impulsarán a implantación da Axenda 2030 no eido local a través dos obradoiros ‘Todos os ODS son locais’, facilitados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a través do proxecto europeo ‘People & Planet’. A formación terá lugar en Allariz o 23 de maio, aínda que a todas as localizacións poden asistir representantes e organizacións de calquera municipio.

A actividade esta dirixida a persoal político e técnico dos municipios, deputacións e mancomunidades, pero tamén a asociacións de todo tipo e xente nova, desde colectivos de carácter social e cultural ata agrupacións de comerciantes, ANPA, etc. As administracións locais teñen un papel chave na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, pero para acadalos cómpre implicar a todos os sectores da sociedade, de aí que sexa preciso fortalecer os lazos entre os diferentes axentes e promover unha acción coordinada.

O programa permitirá achegarse aos principios fundamentais da Axenda 2030 e ás fases do proceso de localización mediante exemplos de boas prácticas, ao tempo que se empregarán dinámicas participativas para explorar conxuntamente estratexias para territorializar os ODS, de xeito que xurdan iniciativas que despois poidan ser levadas á práctica. Neste senso, informarase das liñas de financiamento dispoñibles e facilitarase o asesoramento necesario. As e os asistentes recibirán mesmo unha guía de apoio, alén de degustar café de comercio xusto no descanso.

Proxecto #PeopleAndPlanet

O proxecto ‘People & Planet: un destino común’ busca concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, reforza tamén aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 17 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde. 

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 105 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 27 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.

0.139732837677