O Foro Liceo denuncia que as incidencias do AVE a Galicia débense a infraestruturas sen rematar

OurenseXa
Considera prioritario que se acometan as inversións necesarias para que a rede funcione correctamente e advirten de que é preciso duplicar a vía en todo o traxecto do AVE a Galicia
Foro Liceo
Foro Liceo
24 Jun 2025

O Foro Liceo fixo público un comunicado no que analiza os recentes problemas relacionados coa rede de Alta Velocidade a Galicia, tras as queixas xurdidas nas provincias de Ourense e Zamora pola supresión de varias paradas de trens AVE nas súas respectivas localidades.

Desde a entidade sinalan que esta situación non só afecta aos usuarios, senón tamén ás comarcas implicadas, e lembran que xa advertiran no pasado dos “prexuízos que se derivarían da non rematación das obras necesarias para o seu perfecto funcionamento”.

Así, sinalan que “os 120 km de vía única ata Olmedo, en catro tramos diferentes incluído o Taboadela Estación de Ourense, provocan constantes incidencias e atrasos, ademais de obrigar a que RENFE programe os seus tempos con marxe en previsión diso”.

No comunicado, o Foro Liceo asegura que “sen ese inconveniente o tempo de viaxe dos trens AVE (incluídos os Avril) sería de 2 horas entre Ourense e Madrid”. Esa mellora de tempo, sinalan, faría innecesaria a supresión de paradas en localidades intermedias co fin de reducir a duración dos traxectos a Vigo ou A Coruña: “Eses 15 minutos son os que se pretende restar á viaxe a Vigo e A Coruña suprimindo paradas e gañaríanse sen necesidade de tomar tal medida”.

Tamén propoñen outra solución complementaria: “incrementar frecuencias alternando as paradas”. Con todo, advirten de que esta opción é inviable actualmente debido á “falta de trens dos que dispón Renfe e, máis importante, á escaseza de potencia eléctrica instalada entre Ourense e Zamora”. Esta limitación débese, segundo explican, á “moi atrasada obra da liña eléctrica e subestación de tracción de Vendas da Capela, que está previsto que abastecese de enerxía esa liña”.

Por todo iso, desde o Foro Liceo consideran prioritario que se acometan as inversións necesarias para que a rede funcione correctamente. “É necesario duplicar a vía en todo o traxecto do AVE a Galicia como están todos os demais en España e rematar urxentemente a estación transformadora de Vendas da Capela”, afirman. Unha vez executadas estas melloras, “os tempos acurtaranse, as incidencias e atrasos diminuíranse e as paradas poderán seguir facéndose en beneficio das comarcas”.

O comunicado finaliza cunha petición ao Ministerio de Transportes e aos representantes políticos: “O FORO LICEO reitera a petición ao Ministerio do ramo e aos nosos representantes de todos os grupos para que se sumen á reclamación de que se programe, no menor prazo posible, a rematación da liña de AV a Galicia para evitar incidencias e métodos para aforrar tempo que perxudica a todos”.

⚙ Configurar cookies
0.16443109512329