O fotógrafo alaricano Tono Arias inaugura a programación de 2026 na Sala Alterarte

A Sala Alterarte do campus de Ourense iniciou a súa programación deste ano coa apertura de ‘Do, Re, MiRa, Sol, La, Si’, unha exposición do fotógrafo Tono Arias que ofrece unha ollada diferente sobre a popular rapa das bestas de Sabucedo, centrando-se naqueles que observan o evento desde a “periferia”.
A rapa, que se celebra na primeira semana de xullo, atrae a numerosos visitantes, pero o espazo para vela de cerca é limitado. Por iso, moitas persoas sitúanse en zonas afastadas ou elevadas, como árbores ou detrás das valas, intentando captar o que ocorre. Precisamente este entorno marginal é o foco da serie fotográfica de Arias, que busca reflectir o silencio e a atmosfera que rodea o momento principal, ao que denomina “o punctum” do seu traballo.
O autor define o seu proxecto como un “ensaio fotográfico-musical” que pretende mostrar unha ampla panorámica social e cultural, mesturando realidade cotiá con elementos de fantasía e humor, nunha especie de realismo máxico visual. Para Arias, “a fotografía é unha canción detida no tempo, unha imaxe sonora que se desprega lentamente”.
A mostra pode visitarse de balde no pavillón I do campus ourensán ata o 13 de marzo, dentro do horario académico. Esta exposición forma parte do ciclo Mutacións inestables (Mesturar disciplinas-romper categorías), coordinado por Javier Blanco Sierra.
Tono Arias, natural de Allariz e cunha traxectoria que comezou en 1984 na fotografía documental e de prensa, combina no seu traballo aspectos profesionais e artísticos, explorando sempre temas vinculados ao territorio e ás súas xentes. Ademais do seu labor fotográfico, comisariou exposicións e participou en diversas mostras colectivas e individuais. Actualmente é membro de A Colectiva, asociación de artistas galegos.