O fotógrafo ourensán Santi Barreiros inaugura unha exposición no Centro Cultural Marcos Valcárcel

O fotógrafo ourensán Santi Barreiros inaugurou este venres no Centro Cultural Marcos Valcárcel a súa exposición ‘Read me’, unha ampla retrospectiva que ofrece un percorrido pola súa traxectoria artística e profesional ao longo de cinco décadas de traballo e que se poderá ver ata o 5 de abril. Xunto ao artista, participaron na inauguración desta mostra o director da Área de Cultura, Marcos Vázquez, e o director do Centro Cultural Marcos Valcárcel, Francisco González.
A mostra reúne 100 fotografías, na súa maioría en branco e negro, que resumen 50 anos de vida laboral e creativa dun autor que fixo do retrato o eixo principal da súa obra, especialidade na que vén centrando o seu traballo desde a década dos 70 ata a actualidade.
Un percorrido por ‘Read me’ é tamén un percorrido por boa parte dos persoeiros máis recoñecibles do Ourense das últimas décadas, especialmente no ámbito da cultura, convertendo a exposición nun valioso testemuño visual da memoria recente da cidade e da provincia.
A exposición amosa un retrato de Ourense como fío condutor, pero tamén conta cun espazo dedicado a recoller imaxes das viaxes realizadas polo autor a diferentes lugares do mundo, ampliando o diálogo entre o local e o universal que caracteriza a obra de Santi Barreiros.