O futuro das termas do Muíño da Veiga, no aire

OurenseXa
A administración autonómica argumenta que o espazo non cumpre os requisitos para ser declarado zona de baño e o Concello deberá buscar unha solución conforme á legalidade
pozas-do-muino-da-veiga
Termas do Muiño
4 Jun 2025

O futuro das termas do Muíño da Veiga, en Ourense, continúa en suspenso tras a reunión mantida esta mañá entre o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome; os voceiros de todos os grupos municipais; e representantes da Xunta de Galicia, encabezados polo delegado territorial en Ourense, Manuel Pardo, e o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila.

A reunión tivo como eixo a comunicación que o Concello recibiu a semana pasada da Xunta, na que se instaba a “prohibir o baño de maneira permanente ou recomendar á cidadanía que non se bañe” nas pozas. A administración autonómica argumenta que o espazo non cumpre os requisitos para ser declarado zona de baño nin conta con autorización como espazo termal, conforme ao estipulado na Lei 8/2019 de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia.

Desde o goberno municipal estúdase agora se é viable xuridicamente reabrir as instalacións ao público, colocando a cartelería informativa que indique a “prohibición permanente de baño ou recomendación de non bañarse”. En palabras do propio alcalde, “o que está claro é que a auga das pozas do Muíño é totalmente sana, aínda que non cumpla a normativa da Xunta”.

Jácome sinalou ademais que a Xunta non ten intención de modificar a normativa actual para adaptala a casos como o de Ourense. “A Xunta de Galicia trasladou que non ten vontade de promover un cambio normativo adaptado ás especificidades de termas como as de Ourense: non están polo labor. Din que intentemos catalogar as augas e, unha vez que se cataloguen, adecualas á lei, sempre que o autorice a Confederación Hidrográfica, algo que tampouco está claro que vaian facer. Está difícil pero hai que tramitalo”.

O rexedor explicou que o proceso para regularizar as termas podería alongarse durante un, dous ou incluso tres anos. “Primeiro tramitarase a catalogación de augas termais, que pode ser un mes ou dous, e despois a de augas mineiro medicinais, que podería chegar a levar un ano, e logo habería que facer obras para que esas augas tivesen aproveitamento lúdico. Son unhas obras relativamente pequenas pero que terían que ser autorizadas pola Confederación”, explicou.

Ademais, o alcalde cuestionou algúns puntos da lexislación autonómica. “A Lei da Xunta de usos termais fai augas, ten aspectos que non están apoiados en estudios científicos concluíntes”, afirmou, e criticou mecanismos de control como o de renovar as augas cada catro horas “independentemente do número de bañistas que a estean utilizando”.

Pola súa banda, a Xunta defendeu a normativa vixente e reiterou a súa disposición a colaborar co Concello para adaptar as termas ás condicións hixiénico-sanitarias necesarias. Segundo expresaron o delegado territorial e o director xeral, “para a Xunta o termalismo é un elemento esencial no desenvolvemento de Ourense” e animaron as forzas políticas a convertelo nunha aposta común. Mentres non se regularice a situación, insistiron, deberá colocarse sinalización que recomende absterse do baño.

Así mesmo, a Xunta lembrou que Galicia foi pioneira en 2019 coa aprobación desta lei para impulsar un “crecemento ordenado e seguro” do sector, evitando usos sen control con fins meramente lúdicos. Tamén destacou a creación da Área de Turismo Termal, con sede en Ourense, como parte da Estratexia Galega de Turismo 2024-2030.

Desde o PSdeG, a voceira municipal Natalia González agradeceu a reunión e valorou positivamente que “o que propoñen é unha posible solución para non vernos obrigados ao peche permanente das termas do Muíño”. Non obstante, sinalou que agora “a pelota está no tellado do Concello de Ourense”.

“A última palabra para poder manter abertas esas termas, que é algo que desexamos e no que coincidimos todos e todas, ten que estar abalado tamén polos informes xurídicos dos técnicos municipais para poder levarse a cabo esa solución plantexada pola Xunta de Galicia, con todas as garantías legais e sen que supoña unha responsabilidade patrimonial para a propia institución”, explicou González.

Finalmente, a voceira socialista pediu que, unha vez estean dispoñibles os ditos informes, se convoque unha nova reunión cos voceiros da oposición para consensuar a decisión final, e tomar a decisión “que mellor responda aos intereses da veciñanza e teña todas as garantías legais”.

⚙ Configurar cookies
0.1365749835968