O futuro instituto de Pereiro de Aguiar comezará a construirse en 2026

Pereiro de Aguiar contará en 2026 co seu primeiro instituto de Educación Secundaria, unha infraestrutura moi demandada pola veciñanza e que suporá un investimento estimado de 9,5 millóns de euros. O proxecto básico xa está redactado e supervisado, e a solicitude de licenza foi enviada ao Concello, o que permitirá licitar e iniciar as obras ao longo do próximo ano.
O anuncio foi realizado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante unha visita ao municipio acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Rodríguez destacou que se trata da principal actuación prevista pola Consellería de Educación nos orzamentos de 2026 para a provincia de Ourense.
O novo centro levantarase nunha parcela municipal de 20.000 metros cadrados, contará con máis de 4.800 m² construídos e arredor de 750 m² de espazos exteriores, e terá capacidade para 380 alumnos de ESO e Bacharelato. Estará deseñado segundo o Plan de nova arquitectura pedagóxica, que aposta por espazos abertos, flexibles e multifuncionais.
Segundo explicou o conselleiro, o instituto “vén cubrir unha demanda da veciñanza do Pereiro de Aguiar, en concreto evitar que os estudantes teñan que desprazarse a outros concellos para cursar a Educación Secundaria Obrigatoria e o Bacharelato”. “Coa creación deste centro contribuímos a incrementar a proximidade do ensino educativo galego, que xa é líder en España neste eido”, engadiu.
Román Rodríguez puxo tamén en valor o reforzo do investimento educativo e da I+D+i recollido nas contas autonómicas, que en 2026 superarán por primeira vez os 14.000 millóns de euros. “Os Orzamentos de 2026 reafirman a aposta da Xunta pola mocidade, polo futuro de Galicia e polo coñecemento como motor de desenvolvemento do país”, afirmou.
Xunto co instituto do Pereiro, a Xunta construirá no ano 2026 outros dous novos centros educativos en Galicia: o IES Domingo Villar de Navia (Vigo) e o novo colexio do Milladoiro (Ames), o que permitirá crear arredor de 1.500 novas prazas escolares entre Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato.
Ademais, o conselleiro lembrou que xa está en marcha a ampliación do Colexio Plurilingüe Ben-Cho-Shey, tamén no Pereiro de Aguiar, cun orzamento de case 2 millóns de euros. A obra, actualmente en licitación, adxudicarase en novembro e comezará a finais de ano, co obxectivo de ampliar e mellorar os espazos do centro.