O GDR Limia-Arnoia recibirá 1,35 millóns de euros a través dos fondos LEADER

O territorio do GDR Limia-Arnoia contará en 2026 cun orzamento de 1,35 millóns de euros dentro da convocatoria de axudas para apoio a terceiras persoas xestionadas ao abeiro das axudas LEADER, incluídas no PEPAC 2023-2027. Esta partida forma parte dun fondo total de 28,75 millóns de euros para toda Galicia, publicado recentemente pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).
As axudas están destinadas a impulsar proxectos produtivos xeradores de emprego e proxectos non produtivos que beneficien á poboación en xeral, e poderán solicitalas persoas físicas e xurídicas, entidades sen ánimo de lucro, administracións locais e comunidades de montes en man común, sempre que as iniciativas se desenvolvan no ámbito do GDR Limia-Arnoia.
O prazo para presentar solicitudes finaliza o 6 de abril, dous meses despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Os proxectos deberán executarse entre 2026 e 2028, con fitos de inversión previstos para asegurar o avance e cumprimento dos obxectivos.
O GDR Limia-Arnoia ofrecerá proximamente sesións informativas en distintas zonas do territorio para aclarar posibles dúbidas e achegar información máis detallada. Ademais, dispón de oficinas en Allariz, Xinzo de Limia e Celanova, así como atención vía correo electrónico para apoiar a quen estean interesados en desenvolver proxectos rurais.