O GEAAT dirixe unha nova campaña arqueolóxica no xacemento de Armea, en Allariz

OurenseXa
A intervención está dirixida polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT)
xacemento-de-armea
22 Jul 2025

Comezou unha nova campaña de escavación no xacemento arqueolóxico de Armea, situado na parroquia de Santa Mariña de Augas Santas, no concello de Allariz. A intervención está dirixida polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, e prolongarase durante catro semanas.

Esta nova fase conta co financiamento da Deputación de Ourense e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, ademais da colaboración do Concello de Allariz. O obxectivo principal desta campaña é ampliar a superficie escavada e afondar no coñecemento histórico dun dos xacementos máis importantes da arqueoloxía galega.

Armea acolle xa a súa décimo cuarta campaña, un proxecto que se iniciou en 2011 e que se consolidou como unha das intervencións arqueolóxicas máis relevantes en Galicia. O xacemento destaca pola súa boa conservación e pola súa localización nun entorno rural, o que o fai especialmente singular. Tamén ten unha forte vertente formativa, atraendo cada ano a decenas de estudantes de arqueoloxía de universidades españolas e portuguesas, cunha alta demanda para participar nas escavacións.

As investigacións realizadas suxiren que Armea puido ser unha cidade romana importante, habitada entre os séculos I e III d.C., posiblemente o segundo principal núcleo urbano romano en Galicia tras Lugo. Ademais, descubriuse presenza humana anterior, da Idade de Ferro, o que amplía a cronoloxía e o valor do sitio.

A campaña deste ano está dirixida cientificamente por Adolfo Fernández, con Alba Rodríguez coordinando os traballos de campo. O equipo está formado por unhas trinta persoas, entre investigadores e estudantes, e traballa en dúas liñas principais.

A primeira, con financiamento da Deputación de Ourense, centra a súa atención na continuidade das escavacións na chamada domus dos pináculos e na rúa central empedrada do xacemento. Esta domus, unha das máis monumentais descubertas en Armea, conta cun atrio con columnas, un larario e diversas estancias. O equipo busca ampliar a escavación cara o leste da vivenda para determinar se as novas evidencias arqueolóxicas corresponden á mesma estrutura ou a outro edificio diferente. Tamén se continúa coa escavación da vía principal, coa intención de descubrir máis tramos empedrados e acceder a estratos máis antigos nos sectores aínda non escavados.

A segunda liña, financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, céntrase na domus norte, coñecida como do hexáscele. Aquí, o equipo quere explorar niveis arqueolóxicos anteriores ás construcións romanas, sobre todo na finca da atalaia, onde xa se localizaron restos da Idade do Ferro en campañas anteriores.

Como é habitual, o GEAAT ten previsto regresar ao xacemento en outubro para realizar tarefas de conservación e restauración das estruturas descubertas. Durante as catro semanas de escavación activa tamén se organizarán visitas guiadas para a cidadanía, co obxectivo de divulgar os avances do proxecto e achegar o patrimonio arqueolóxico á poboación.

 

⚙ Configurar cookies
0.1055850982666