O Goberno Central destina 2 millóns de euros á recuperación dos castiñeiros no monte da Moura, en Nogueira de Ramuín

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destaca o apoio do Executivo central ao proxecto de recuperación dos castiñeiros no monte da Moura, en Nogueira de Ramuín, que conta cunha subvención de 2 millóns de euros concedida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) a través da Fundación Biodiversidade.
Este proxecto, enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) e financiado con fondos europeos NextGenerationEU, está liderado polo Concello de Nogueira de Ramuín coa colaboración do Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a Asociación de Mulleres Rurais Ecos de Moura.
Santos explicou que esta “innovadora iniciativa” busca recuperar os bosques de castiñeiros mediante a identificación do xenotipo das árbores para plantar exemplares resistentes a pragas e ao cambio climático. “Con este proxecto, o Goberno amosa unha vez máis a súa defensa do medio rural e a recuperación de especies autóctonas, máis resistentes aos incendios”, afirmou.
O subdelegado subliñou ademais a importancia de conservar e restaurar os ecosistemas forestais mediante unha xestión baseada no coñecemento científico: “Un bosque ben conservado é un escudo fronte ao cambio climático, un motor para a fauna e a flora que forman a nosa riqueza natural”.
En canto ao impacto social, Santos destacou que “proxectos coma este axudan a fixar poboación no medio rural, un obxectivo co que o Goberno de España está plenamente comprometido”. Engadiu que “cando o sector forestal funciona con criterios de sustentabilidade, xera emprego digno e estable, e promove a cadea de valor no territorio, convértese nunha ferramenta poderosa fronte ao reto demográfico”.