O Goberno central invertiu máis de 40 millóns de euros nas estradas da provincia de Ourense en 2024

OurenseXa
Os socialistas salientan que estamos ante inversións “como nunca antes se viron en Ourense”
viaducto_rio_mino_a-52_km
Viaducto do río Miño
13 Jul 2024

O PSdeG-PSOE de Ourense destaca os “importantes” e “vitais” investimentos executados polo Goberno encabezado por Pedro Sánchez en materia de infraestruturas viarias na provincia de Ourense. As e os socialistas salientan que estamos ante inversións “como nunca antes se viron en Ourense” e que permitirán que a rede de estradas e autoestradas de titularidade estatal “conten cuns firmes dignos e a altura do que precisan os ourensáns e as ourensás”.

A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Congreso, Marga Martín Rodríguez, e o senador, Rafael Rodríguez Villarino, compareceron no día de hoxe en rolda de prensa para analizar e desglosar polo miúdo os diferentes investimentos en estradas na provincia. Ademais de proxectos xa en marcha como a circunvalación do Barco, que conta cun investimento 62,8 millóns de euros, ou do primeiro tramo da Variante Norte de Ourense entre Eirasvedras e Quintela, con 33,51 millóns de investimento, tamén cabe destacar os investimentos en estradas que é neste ano de 44,2 millóns, máis 25 millóns adicionais para a conservación de estradas e 13 que se licitarán proximamente tamén neste senso. “Estamos falando dun investimento total de 82,2 millóns de euros para a rede viaria de titularidade estatal na provincia”, destacan as e os socialistas ourensáns.

“Namentres durante os mandatos do PP ao fronte do Goberno central se paralizaban obras e se gardaban proxectos nun caixón, o executivo do PSOE encabezado por Pedro Sánchez puxo en marcha proxectos de gran calado e investiu en melloras en estradas e autoestradas como nunca antes se viu”, afirma a deputada Marga Martín Rodríguez. A representante do PSOE ourensán no Congreso dos Deputados sinala tamén que “namentres no último ano de mandato do PP se realizaron investimentos por valor de 19 millóns de euros nas estradas, este ano os investimentos superan os 44,2 millóns nos PGE, aumentando as partidas extras para irnos por riba dos 80 millóns de euros”.

Pola súa banda o senador do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, pon o foco na situación que vive a provincia da man do Goberno encabezado por Pedro Sánchez. “Namentres o PP leva tempo incidindo na necesidade de actuación que nunca levaron a cabo na provincia durante os seus mandatos, o PSOE leva 5 anos facendo un importante esforzo e aumentando ano tras ano os investimentos en estradas, con inversións sen precedentes en Ourense”. Neste senso, o secretario provincial dos e das socialistas ourensás tamén fai fincapé en que “se nesta anualidade non aumentaron os orzamentos nos PGE, foi porque o PP votou en contra dos mesmos, impedindo aumentar a partida, máis aínda así o Goberno aumentou o esforzo inversor dos 44,2 millóns previstos a 82,2 millóns”.

“O Goberno ten licitado 149,6 millóns en estradas da nosa provincia dende a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno”, destaca Marga Martín, antes de sinalar que “a isto sumáronse partidas para a conservación como os 25 millóns xa aprobados e en execución e 13 que se van a licitar proximamente”. A deputada no Congreso por Ourense fai fincapé tamén en que estes investimentos “fanse polo deterioro que se produce polo uso das estradas e autoestradas, pero tamén pola inacción e o abandono que sufriron durante os gobernos do PP”.

Villarino subliña os investimentos en mellora do acondicionamento, o firme e a seguridade viaria nas estradas e autoestradas da provincia, afirmando que “cando remate o mandato van estar completamente acondicionadas, despois de anos de abandono do PP”. Neste senso tamén apunta que “Sánchez e o PSOE compren con Ourense para lograr unha provincia con menos problemas de carbonización e mobilidade e con firmes máis dignos e axeitados para a cidadanía e o transporte de mercadorías”.

Investimentos do Goberno na rede viaria da provincia de Ourense

Variante Norte de Ourense: o primeiro dos tramos que transcorre entre Eirasvedras e Quintela de 1,7 quilómetros e cun orzamento de 33,51 millóns de euros xa está en execución. Realizáronse desbroces e o derrubamento das vivendas e infraestruturas expropiadas. As obras están agardando ao traslado das liñas de servizo (Fenosa, Nedgia e Telefónica) para seguir avanzando.

Circunvalación do Barco: Conexión clave entre as estradas N-120 e N-536 e que permitirá retirar o tráfico pesado do centro da vila, axilizando a mobilidade, reducindo as emisións de CO2 e dando unha maior seguridade viaria aos cidadáns e ás cidadás. Conta cun investimento de 62,8 millóns de euros que se atopa en execución.

Mellora e humanización da N-525 en Xinzo: O Goberno ven de anunciar a aprobación definitiva do proxecto cun investimento de 4,79 millóns de euros e no que ademais da renovación do firme e da travesía, tamén se realizarán actuacións para a construción de rutas peonís, ciclistas e zonas axardinadas, o que permitirá humanizar e transformar por completo a principal estrada de Xinzo.

Ampliación de carrís de adiantamento na N-120: O Goberno aprobou o proxecto definitivo do trazado de ampliación de carrís na N-120 entre Ourense e Peares. Cun investimento de 5,8 millóns de euros construiranse 4,22 quilómetros de carrís adicionais de adiantamento e varias interseccións, que permitirán reducir os tempos de viaxe e mellorar a seguridade viaria.

Melloras do firme na A-52: O Goberno leva varias semanas traballando na mellora, renovación e reparación do firme da A-52. Obras moi necesarias, polo evidente estado de deterioro da capa de rodadura e que conta cun investimento de 6,3 millóns e comprende a actuación en 60 quilómetros. Proximamente licitaranse melloras no resto de tramos, dando como resultado unha autovía totalmente renovada dende a fronteira con Zamora ata a fronteira con Pontevedra.

Investimento en conservación e mantemento de estradas: O Goberno destinou dous contratos para o mantemento de estradas por importes de 13 e 12 millóns de euros neste 2024. En total permitirán mellorar a conservación de 214 quilómetros das N.120, N120A, N-525, N-536, N-540, N-541, N-542 e N-544. Proximamente licitaranse outros 13 millóns para traballos en 190 quilómetros, incluíndo melloras na A-52, na A-75 e tamén nas estradas N-525 e N-532.

Investimentos en mobilidade sostible: O Goberno concedeu ao concello de Ourense 8,9 millóns de euros para a implantación da zona de baixas emisións e destacan investimentos como 2 millóns para a compra de autobuses eléctricos, 2,2 millóns para a humanización de Alejandro Pedrosa e da Avenida de Portugal e outros 2 millóns para a ampliación de zonas peonís no centro histórico.

Reparación dos viadutos de Arnoia e A Valenzá na A-52: O Goberno finalizou este ano a reparación destes dous viadutos de vital importancia na A-52 e que contaron cun investimento de 6,34 millóns de euros. Proximamente actuarase tamén do viaduto de Vilavella.

Os Orzamentos Xerais do Estado inclúen para este ano (prórroga 2023) 224,5 millóns de euros en investimentos para estradas do Estado en Galicia. Hai en marcha ou en proxecto máis dun centenar de actuacións de infraestruturas viarias, incluídas novas obras, intervencións de conservación e mantemento, ou melloras.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18852591514587