O Goberno de España destina 6,5 millóns de euros para rehabilitar as vías N-120, N-525 e A-52 afectadas polos incendios

O Goberno de España, a través da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, vén de publicar na plataforma de contratación do sector público os contratos de emerxencia polos que se adxudican os traballos para rehabilitar as vías N-120, N-525 e A-52 ao seu paso pola provincia de Ourense.
O orzamento total destas actuacións supera os 6,5 millóns o que, para o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, amosa “o compromiso do Goberno de España coa reparación das infraestruturas clave para a provincia de Ourense”.
No caso da N-120, as obras consistirán na rehabilitación do firme nos tramos que discorren entre puntos quilométricos 472+800 e 540+200; 439+900 ao 472+800; deste ao 500+000, e desde aí ao 540+400.
Por outra banda, as intervencións destinadas a reparar os danos causados polos lumes do pasado verán execútanse nas estradas N-120 e N-525 e na autovía A-52. Estas actuacións consisten en protección de taludes, sinalización, drenaxe, balizamento e pechamento.
Con estes traballos, salienta o subdelegado, “o Goberno de España responde á catástrofe sufrida na provincia de Ourense o pasado verán con actuacións inminentes e investimento real para garantir a seguridade dos usuarios das vías”, e garante “a adecuada conexión entre tódolos municipios da provincia, apoiando así aos ourensáns e ourensás”.
Este investimento súmase aos preto de millóns de euros que destina o Goberno a subvencións para reparar estradas municipais danadas polos incendios en toda España e que permitirán financiar ata o 50 % do custe dos proxectos directamente relacionados cos danos sufridos en infraestruturas, equipamentos ou servizos de titularidade municipal, así como da rede viaria provincial.
As entidades locais da provincia de Ourense afectadas polos lumes, lembra Santos, poden presentar a súa solicitude ata as 15:00 horas do 5 de febreiro do 2026. Unha medida coa que, tal e como remarca o subdelegado, “o Goberno de España volve a situar aos concellos no centro da recuperación, garantindo os recursos necesarios para reparar os danos e restablecer os seus servizos esenciais”.