O Goberno destina 9 millóns á reparación de estradas en Ourense tras os danos dos temporais

OurenseXa
Entre as actuacións promovidas polo Goberno de España destacan os traballos levados a cabo actualmente na N-525, ao seu paso por Cambeo
reparacion-n-540-coles
26 Mar 2026

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, puxo en valor o investimento estatal para mellorar a rede viaria da provincia durante a súa visita ás obras de reparación na N-525, ao seu paso por Cambeo, no concello de Coles.

Santos destacou que estas actuacións forman parte do plan especial impulsado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible para facer fronte aos danos provocados polas borrascas dos últimos meses. Segundo explicou, o investimento total en Galicia alcanza os 38 millóns de euros, dos que 9 millóns se destinan á provincia ourensá. “Este esforzo inversor está orientado a reparar os danos causados polas borras e temporais rexistrados en decembro, xaneiro e febreiro”, sinalou.

O subdelegado subliñou que os traballos abranguen preto de 450 quilómetros de estradas estatais na provincia. “É un traballo arduo e completo que está a modernizar a rede estatal de estradas, con especial atención aos puntos que presentan un maior desgaste, e os resultados xa se poden comprobar”, afirmou.

Durante a visita, tamén incidiu en que a seguridade viaria é unha prioridade para o Executivo central, especialmente en situacións de emerxencia. “Cando hai unha emerxencia, a resposta rápida é fundamental e máis cando se trata de infraestruturas esenciais para a mobilidade da provincia”, destacou.

Santos agradeceu ademais o labor do persoal técnico da Unidade de Estradas do Estado en Ourense, encargado de identificar os puntos máis deteriorados, así como o traballo da empresa adxudicataria do contrato de emerxencia na N-525, que está a empregar arredor de 6.000 toneladas de asfalto para a súa rehabilitación ata o límite provincial.

As intervencións esténdense a distintas vías da provincia, entre elas as autovías A-52 e A-75 e estradas nacionais como a N-525, N-120, N-540, N-541 ou N-542. A estas actuacións súmanse tamén as obras de rehabilitación do firme na N-120, que foron retomadas tras quedar interrompidas polos temporais.

0.1285400390625