O Goberno Galego investiu máis dun millón de euros en infraestruturas en 32 concellos ourensáns

OurenseXa
As achegas foron destinadas a concellos de menos de 30.000 habitantes co obxectivo de mellorar as instalacións vinculados á prestación de servizos no rural
manuel-pardo-trasmiras
Manuel Pardo e Emilio José Pazos
28 Feb 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, puxo en valor as axudas de máis de 1 millón de euros da Xunta a prol da mellora das infraestruturas municipais en 32 concellos da provincia.

Así o fixo este xoves nunha visita ao concello de Trasmiras, onde, acompañado do alcalde, Emilio José Pazos, supervisou as obras de mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais no edificio do concello, nas que Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes investiu preto de 25.000 euros.

O delegado territorial lembrou que o executivo autonómico, vén de lanzar unha nova orde destas achegas cun orzamento de 3,5 millóns de euros dirixidas aos concellos de menos de 30.000 habitantes, e que poden solicitalas ata mañá, 28 de febreiro, de xeito individual ou mediante asociacións ou agrupacións. Tamén detallou que cada concello pode presentar un máximo de dúas solicitudes, sempre que unha delas sexa individual e outra conxunta e para actuacións diferentes.

Manuel Pardo enmarcou este tipo de actuacións nas axudas da Xunta para a creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, e explicou que a través desta convocatoria subvenciónanse as obras de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou instalacións ou dependencias municipais, nas redes de alumeado público; a pavimentación de camiños públicos municipais; e as obras en prazas, parques, paseos e rúas. A estas engádense a creación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinadas á prestación de servizos municipais, así como a mellora da súa accesibilidade ou a dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.

O representante do Goberno galego subliñou que se financiará ata o 80% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais e de 50.000 euros para as conxuntas ou as presentadas por concellos resultantes dun proceso de fusión.

Con esta iniciativa, aclarou Manuel Pardo, preténdese impulsar a calidade de vida da veciñanza das áreas rurais a través da colaboración cos concellos, como entidades máis próximas á cidadanía e motores do desenvolvemento económico, e así favorecer a fixación de poboación e garantir o equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano a prol dunhas óptimas condicións de vida con independencia do lugar de residencia.

⚙ Configurar cookies
0.036940097808838