O Goberno investirá 13 millóns de euros nas estradas da provincia de Ourense

OurenseXa
As intervencións de mellora e mantemento afectarán a 190 quilómetros de estradas e autoestradas na provincia de Ourense
viaducto_rio_mino_a-52_km
Viaducto do Miño
21 Xuño 2024

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou hoxe as obras de reparación e renovación do asfaltado que se están levando a cabo na autovía A-52 ao seu paso pola provincia. Durante a visita, subliñou que se trata “dunhas obras moi necesarias, polo evidente deterioro que se produce ao longo dos anos nas vías de alta capacidade”. Tamén puxo de manifesto que estas actuacións amosan “a aposta firme do Goberno do Estado pola mobilidade e a seguridade viaria na nosa provincia”.

As obras, que comprenden a mellora de máis de 60 quilómetros en ambas marxes desta autoestrada, contan cun orzamento total de 10,9 millóns de euros, dos cales 4,6 millóns destinaranse á renovación do firme da A-52 dirección Vigo e 6,3 millóns, á mellora desta autovía dirección Ourense xunto con actuacións de urxencia na A-75.

Durante a visita as obras, o subdelegado do Goberno quixo por de manifesto “a labor que o Goberno central está levando a cabo nas infraestruturas da súa titularidade da provincia, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, rematar coas fochancas e facilitar a mobilidade aos vehículos que circulan por autoestradas e estradas de titularidade nacional”. Neste senso, resaltou “o compromiso coa provincia por parte do executivo español” e subliñou que “estariamos encantados de que as ademais administracións con competencias en estradas da nosa provincia tiveran o mesmo grado de implicación e investimento que ten o Goberno central, posto que sería moi beneficioso para a veciñanza”.

13 millóns en investimentos

O subdelegado do Goberno aproveitou a visita para anunciar que en próximas datas licitaranse novos investimentos, por importe de 13 millóns de euros, en intervencións de mellora e mantemento que afectarán a 190 quilómetros de estradas e autoestradas na provincia.

Estas actuacións mellorarán as condicións en catro estradas, dúas delas vías convencionais, como a N-525, na práctica totalidade do tramo entre A Canda e Allariz, agás o cruce de Verín. Tamén se contemplan melloras na N-532, que une Verín con Portugal.

En relación ás autoestradas, os traballos afectarán á A-52, en case 79 quilómetros entre A Canda e Cualedro. Asemade, tamén están previstas na A-75, que une Verín con Portugal, na que se renovarán 13 quilómetros de asfaltado e tamén no enlace que une a A-52 coa A-75.

Eladio Santos apuntou que “estamos falando da vía de comunicación máis importante de Ourense, que contará nuns meses cun asfalto completamente renovado e acorde aos tempos actuais, dando resposta ás demandas dos veciños da provincia”.

0.15283179283142