O Goberno inviste máis de 12 millóns para a conservación das estradas da provincia

OurenseXa
As actuacións afectarán principalmente a autovía A-52 entre os puntos quilométricos 176 e 267, ademais de melloras na OU-11 e nos ramais de enlace entre a A-52 e a AG-53
tunel_de_alongos
Túnel de Alongos
2 Maio 2024

O PSdeG-PSOE de Ourense destaca que os 12.143.008 millóns de euros formalizados polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, a través dun contrato para a execución de diversas operacións de conservación e explotación das estradas na provincia, “é unha gran nova para infraestruturas clave en Ourense e que precisan de melloras importantes”. As e os socialistas salientan que dito contrato abarca un total de 96,28 quilómetros de estradas na provincia, das cales 94,38 son quilómetros de autovías, incluíndo ramais de enlace.

A deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez, e o senador, Rafael Rodríguez Villarino, destacan que este investimento “afectará principalmente a autovía A-52, entre os puntos quilométricos 176 e 267,1; ademais de melloras na OU-11 ou nos ramais de enlace entre a A-52 e a AG-53”. Neste senso, ambos coinciden en que “estamos ante investimentos de vital importancia na principal autovía de comunicación da provincia e que precisaba de melloras en materia de conservación para recuperar correctamente o firme”.

“O Goberno con Sánchez á cabeza segue apostando pola nosa provincia, con investimentos moi necesarios en infraestruturas clave e que empregan cada día milleiros de ourensáns e ourensás”, afirman Martín e Villarino. A deputada e o senador do PSOE ourensán destacan que “ademais da mellora do firme destas estradas, o contrato tamén recolle actuacións como a vixilancia e atención de accidentes, o servizo de control de túneles e comunicacións ou o mantemento de instalacións”.

Dentro do contrato para conservación, tamén se incorporan dous proxectos para mellorar os sistemas de contención en dous tramos da A-52. Concretamente procederase a renovación da barreira metálica dos quilómetros 207 a 210, no termo municipal de Allariz e a adecuación da barreira ríxida de formigón prefabricada do quilómetro 176 a 267.

“A través destes traballos conseguiremos que as citadas estradas dispoñan de mellores condicións para a circulación e a seguridade”, afirman Martín e Villarino, que tamén apuntan que o modelo de contratos mixtos de servizos e obra “busca ofrecer un servizo integral de mobilidade ao usuario, mellorando o estado da estrada e optimizando os recursos públicos”. A deputada e o senador do PSdeG-PSOE de Ourense inciden en que estas actuacións “permitirán reducir as toneladas de CO2 anuais que xera o funcionamento ordinario e as labores de mantemento e explotación das estradas, reforzando a orientación cara os obxectivos de desenvolvemento sostibles”.

0.14086079597473