O Goberno reafirma en Toén o seu compromiso coas enerxías renovables a través dun proxecto de autoconsumo

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou este luns unha das instalacións solares da comunidade enerxética San Mamede de Puga, onde puxo en valor o compromiso do Executivo central co impulso das enerxías renovables. Durante o acto, salientou que “a transición ecolóxica é unha obriga que beneficia a toda a sociedade”.
O proxecto, cofinanciado polo Ministerio a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), enmárcase no programa de incentivos ás comunidades enerxéticas, que destinou máis de 900.000 euros a iniciativas na provincia de Ourense.
Santos felicitou aos promotores desta iniciativa de autoconsumo colectivo, na que participan 47 socios, e valorou o seu impacto positivo na contorna. “Iniciativas como esta demostran que a transición ecolóxica non só é posible, senón que xa está en marcha e impulsa o desenvolvemento local e a loita contra o despoboamento, ao tempo que protexe o medio ambiente”, indicou.
O proxecto recibiu a finais de 2023 unha axuda de 97.139,77 euros e aposta por unha xeración enerxética renovable e de proximidade mediante paneis solares instalados en tres localizacións: o local social de Celeirón, o de A Eirexa e o campo de fútbol de Puga. En total, instaláronse 119,185 kWp de potencia fotovoltaica.
Ademais, implementouse un sistema intelixente de xestión da demanda con equipos de medición, regulación e control, así como un software que analiza en tempo real o consumo e o prezo da enerxía para optimizar o uso da electricidade e reducir a dependencia da rede xeral.
O subdelegado concluíu a súa intervención facendo un chamamento a outras administracións para que se impliquen neste tipo de proxectos: “O Goberno de España seguirá traballando para que cada vez máis municipios poidan sumarse a este camiño, porque apostar polas renovables é apostar pola economía, polo territorio e polo benestar das xeracións futuras”, asegurou.