O Goberno vixila a uva foránea para protexer a calidade das denominacións de orixe ourensás

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, anunciou un reforzo significativo do dispositivo de vixilancia para controlar a entrada de uva foránea durante a próxima vendima de 2025. O obxectivo: garantir a máxima calidade dos viños das catro denominacións de orixe da provincia. Así o trasladou durante a reunión de coordinación celebrada na Subdelegación do Goberno, coa participación de representantes da Xunta, das Forzas e Corpos de Seguridade e dos Consellos Reguladores de Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei.
Durante o encontro realizouse un intercambio de información e abordáronse as necesidades do operativo de control. Ao rematar, Santos advertiu que a entrada de uva foránea nas denominacións de orixe pode traer consecuencias graves: “a imposición de infraccións administrativas; responsabilidade penal por delitos de fraude alimentario; a expulsión dunha bodega da denominación de orixe; un importante prexuízo ao sector, e mesmo a introdución de pragas”.
O subdelegado agradeceu expresamente á Garda Civil, Policía Nacional e Policía Autonómica a súa coordinación e implicación, destacando que o operativo priorizará a vixilancia en “puntos quentes”, como as zonas limítrofes con outras comunidades autónomas, a fronteira con Portugal e os accesos ás adegas.
Santos quixo tamén poñer en valor o compromiso do Goberno de España coa defensa dos produtos con denominación de orixe, afirmando que “o control da uva foránea implica unha defensa activa do prestixio dos nosos viños, de anos de esforzo dos viticultores e da confianza dos consumidores”. Nesa liña, destacou a importancia dunha colaboración fluída coa Xunta para previr prácticas que poidan pór en risco o futuro do sector.
Na reunión participaron tamén o secretario xeral accidental da Subdelegación, Félix Ríos; a directora territorial de Presidencia, Xustiza e Deportes, Beatriz Fernández; o director territorial de Medio Rural, José Antonio Armada; representantes da Garda Civil, Policía Nacional e Policía Autonómica; técnicos da Subdelegación; así como os máximos responsables dos catro Consellos Reguladores ourensáns.