O grupo Castro Floxo participará na 50ª edición do Festival de Folclore de Pascua en Leuven

O grupo Castro Floxo da Escola Provincial de Danza da Deputación de Ourense participará na 50ª edición do Festival de Folclore de Pascua que se celebra en Leuven, tras recibir unha invitación da sección belga de CIOFF. No encontro compartirán programación con formacións procedentes de distintos países europeos, como Croacia, Hungría ou Italia, ademais de varios grupos locais.
A agrupación ourensá permanecerá na cidade flamenca ata o martes 7 de abril para participar na Festa de Pascua, coñecida como Paasfeesten, un evento que se celebra desde 1975 grazas á colaboración entre colectivos culturais locais e o concello de Leuven, e que reúne cada ano a agrupacións internacionais de música e baile tradicional.
Durante as xornadas, o programa inclúe actuacións abertas ao público, desfiles, obradoiros de danza nos que participan tanto os grupos convidados como os organizadores e asistentes, así como recepcións institucionais e actuacións en centros sociais. O festival promove así o intercambio cultural a través do folclore europeo, ao tempo que facilita a convivencia entre participantes, que son acollidos por familias locais, favorecendo unha inmersión directa na cultura flamenca.
Recoñecido como Festival CIOFF, o evento congrega máis de 10.000 visitantes ao longo dos seus catro días de actividades, consolidándose como unha cita destacada no panorama cultural tanto da cidade de Leuven como do conxunto de Bélxica.