O Grupo Castro Floxo representa a Ourense no Festival de Folclore de Eslovaquia

O grupo Castro Floxo da Escola Provincial de Danza da Deputación de Ourense participa esta semana na 70ª edición do Festival de Folclore de Východná – Eslovaquia, por invitación da sección eslovaca de CIOFF (Confederación Internacional de Organizadores de Festivais de Folclore). A agrupación ourensá formará parte da programación do festival, xunto con outros grupos procedentes de Chequia, Macedonia do Norte, India, Hawaii (USA) e de diferentes rexións do país organizador, Eslovaquia.
O grupo Castro Floxo actúa así na que é a mostra de folclore internacional máis importante do país centroeuropeo, creada no ano 1953 como escaparate da cultura tradicional e manifestacións folclóricas e que dende o ano 1970 está organizado polo Centro Nacional de Folclore e Educación Permanente, dependente do Ministerio de Cultura de Eslovaquia xunto á Municipalidade de Východná.
O festival recibe a máis 40.000 visitantes que durante ocinco días participan nos espectáculos ofrecidos polos grupos nos dous escenarios existentes, así como nos obradoiros de baile e música tradicional, nas conferencias, exposicións e mostras de vestiario. O grupo representante de Ourense participará en todas estas actividades difundindo a cultura tradicional galega e dando a coñecer a provincia no panorama cultural internacional.