O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Ourense fai balance do 2024
A agrupación municipal do PSdeG-PSOE de Ourense celebrou a súa asemblea ordinaria para presentar ante a militancia as actividades e contas do segundo semestre do ano vixente –aprobadas con respaldo unánime dos asistentes– e adiantar parte do calendario para os vindeiros primeiros meses de 2025.
O balance foi positivo, segundo explicou a secretaria xeral dos e das socialistas na cidade, Natalia González, cun intenso traballo liderado no ámbito municipal con ampla coordinación institucional para promover iniciativas e traballar de forma coordinada entre diferentes administracións. “Agradezo, como non pode ser doutro xeito, a colaboración e absoluta predisposición da deputada no Parlamento Carmen R. Dacosta e a deputada no Congreso Marga Martín. Así como a Xuventudes Socialistas que fai de revulsivo e elaborou unha programación moi interesante da que puidemos formar parte”, expuxo sobre as múltiples iniciativas políticas e actividades cono as xornadas de verán de XX.SS nas que se abordou a problemática da vivenda e da saúde mental.
Nesta liña, explicou a tamén voceira do grupo municipal no Concello de Ourense que se presentaron un total de 10 mocións para defender asuntos de actualidade e urxentes pero tamén para propoñer unha cidade máis sensible á realidade e ao tecido social de hoxe en día. “Que se recupere ou poña en marcha unha programación cultural para o verán; que se manteña o canon de SOGAMA; a ampliación dos hortos urbanos; que se tomen medidas para mellorar a seguridade nos barrios de A Ponte, O Pino e O Vinteún; a creación dunha rede de coidadores de barrio para combater a soidade non desexada; a reapertura do Museo Municipal, que a xestión do CAPD sexa pública e directa; que se recúe na orde de restrición horaria en parques e zonas deportivas da cidade; a defensa da liberdade de prensa ante os ataques continuos de Jácome ou a remodelación do Estadio de Fútbol do Couto foron os asuntos que dende o PSdeG puxemos de relevo nas sesión plenarias, con notas de prensa e difusión a través das redes sociais”, enumerou sobre parte do traballo dos e das socialistas.
E lembrou que esa defensa da liberdade de información non se reivindicou só cunha iniciativa plenaria, senón que se enviaron arredor de 125 notas de prensa –da actividade da agrupación local e o grupo municipal– e se realizaron varias roldas de prensa nun exercicio continuo de transparencia.
“Para pechar o ano propuxemos a viaxe a Bruxelas para poder achegar á militancia en xeral, non só aos cargos do partido, a historia e funcionamento do Parlamento europeo. O resultado foi moi enriquecedor e o noso propósito é continuar nesta liña durante o 2025. Máis do 70 % das leis que se aplican nos Estados da UE proveñen de decisión que se adoptan alí, en Estrasburgo e Luxemburgo. E cremos que coñecer as institucións dende dentro axuda a comprender mellor os tempos e procesos da política”, destacou positivamente.
Tamén afirmou durante a súa intervención que o vindeiro ano se prevé afondar nunha oferta formativa sobre política municipal, redes sociais ou oratoria e que todos os esforzos están postos na exposición fotográfica que repasará os últimos 25 anos de historia da agrupación local, os grupos do PSdeG no Concello de Ourense e as Xuventudes Socialistas.
“Continuaremos traballando na liña deste ano e o ano comezará cun novo Diálogos con Raíz sobre Benestar Social e Sanidade en Ourense en xaneiro e implicándonos nos procesos de renovación orgánica nacional e provincial”, rematou, non sen antes agradecer á Comisión Executiva Municipal a súa implicación para dinamizar a actividade da agrupación e ao recente nomeado secretario xeral de XX.SS. de Ourense, Miguel Gómez, pola valentía á hora de dar un paso adiante para asumir o cargo e afrontar os retos que veñen.