O grupo municipal socialista de Ourense propón unha declaración institucional en defensa da paz

OurenseXa
A proposta será debatida no vindeiro pleno e xa foi trasladada ao resto de grupos para a súa posible adhesión
maria-fernandez-natalia-gonzaez-alba-iglesias-psoe-ourense
12 Mar 2026

O grupo municipal socialista de Ourense presentou unha proposta de declaración institucional en defensa da paz e do dereito internacional co obxectivo de que sexa aprobada por unanimidade no pleno ordinario do vindeiro mes de abril. A iniciativa xa foi trasladada aos grupos de Democracia Ourensana (DO), BNG e PP para o seu estudo e posible adhesión.

A proposta preséntase nunha semana marcada pola conmemoración do Día das Vítimas do Terrorismo. Neste contexto, desde o grupo socialista subliñan a importancia de lembrar experiencias pasadas para evitar repetir erros no escenario internacional. “Nun día como o de hoxe marcado pola conmemoración do día das vítimas do terrorismo non podemos olvidar as leccións da historia, como a guerra de Iraq, para evitar repetir erros con consecuencias tan graves para a seguridade global", explican dende o grupo municipal.

O documento expresa a preocupación do PSdeG pola escalada militar en Oriente Medio e as súas posibles repercusións. Segundo sinalan, non se trata dun conflito afastado, senón dunha situación con consecuencias que tamén poden sentirse a nivel local. Neste sentido, a declaración advirte de que os conflitos iniciados fóra do marco internacional non resolven os problemas, senón que tenden a xerar máis violencia e crises humanitarias.

Os socialistas tamén poñen o foco no impacto económico que estas tensións poden ter na vida cotiá da cidadanía, mencionando efectos como o encarecemento da enerxía ou a incerteza económica.

A declaración institucional inclúe seis propostas de acordo que o grupo municipal pretende que respalde o pleno municipal. Entre elas figuran a petición dun cesamento inmediato das hostilidades e dos ataques por parte de Estados Unidos, Israel e Irán, a condena ao réxime iraniano pola represión e a vulneración dos dereitos fundamentais —especialmente das mulleres—, así como a defensa da vía diplomática como única saída ao conflito, en liña coa Carta das Nacións Unidas.

Así mesmo, o texto reafirma o principio de “Non á guerra” como parte da conciencia democrática da sociedade ourensá, expresa a solidariedade coa poboación civil afectada pola violencia e amosa o respaldo aos esforzos do Goberno de España, da Unión Europea e da comunidade internacional para lograr unha desescalada do conflito.

O grupo municipal socialista conclúe lembrando o compromiso da cidade coa convivencia. "A paz non é unha idea abstracta, é unha responsabilidade política e moral que nos afecta a todos", sinala o documento.

0.13022303581238