O grupo provincial do PP de Ourense pide garantir o mantemento dos postos de traballo do persoal do Grupo Forvia

Os populares defenderán no pleno o apoio aos preto de 300 empregados da empresa Faurecia Auromotive España S.A do Polígono de San Cibrao das Viñas “ante o seu futuro incerto”
pleno-deputacion-ourense-pp
Pleno da Deputación de Ourense
18 Feb 2025

O grupo provincial do Partido Popular vén de rexistrar unha moción para o pleno ordinario da Deputación de Ourense do próximo 28 de febreiro para instar ao Grupo FORVIA a garantir o mantemento dos postos de traballo do persoal que actualmente forma parte da empresa.

Os populares defenderán no pleno o apoio aos empregados da empresa Faurecia Auromotive España S.A do Polígono de San Cibrao das Viñas “ante o seu futuro incerto”. Para o grupo popular, o sector da automoción, especialmente coas compañías auxiliares, ten “un peso importante na provincia”, polo que “non se debe permitir que un dos motores principais de Galicia e de Ourense se desmantele”.

O PP defenderá no pleno da Deputación o apoio a estes empregados de Faurecia, onde se fabrican paneis de porta, taboleiros de abordo, guarnicións e ebanistería para automóbiles. Son preto de 300 empregados que traballan de maneira exclusiva en Ourense para Stellantis, a industria de Vigo.

A caída da produción automobilística e o estancamento previsto de cara ao 2030, debido a que non se están a renovar os postos dos que se xubilan e vanse ver reducidos inmediatamente a contratación e o reaxuste de plantillas. Ademais, Stellantis retirou a adxudicación dun novo vehículo á planta de Ourense, trasladándoo a un país “low cost”, o que supón que a carga de traballo que tiñan os empregados ourensáns ata 2028 chega ao seu fin.

Con esta redución da carga de traballo, en favor de deslocalizar cara a outros países con man de obra máis barata -pese a que estas empresas se beneficia de fondos europeos a través do PERTE do vehículo eléctrico- as consecuencias para os empregados ourensáns de Faurecia están sendo moi negativas.

“Debemos protexer ao sector ourensán fronte a outras potencias, con actividade industrial e con proxectos”, destacan dende o grupo popular.

Ademais de instar a Forvia a garantir os postos de traballo, o PP provincial tamén acorda instar á Xunta de Galicia a que reclame ao Goberno central que deseñe convocatorias de axudas para o sector da automoción e industrias auxiliares, a fin de que garantan o emprego de proximidade e eviten a deslocalización.

0.16981816291809