O Hospital de Día de Hematoloxía de Ourense inaugura unha exposición do artista Santiago Barreiros

A sala de espera do Hospital de Día de Hematoloxía de Ourense conta desde esta semana cunha exposición do fotógrafo Santiago Barreiros, que converte o espazo nunha auténtica fiestra ao mar.
A mostra está composta por seis imaxes de gran formato, cedidas polo propio autor, que convidan a contemplar o mar como un ser vivo, en constante transformación, reflexo dos estados emocionais do ser humano. Barreiros explica que quixo captar “a serenidade e a intensidade que habitan en cada persoa, igual que no océano, onde conviven a calma e a tormenta”.
Con unha traxectoria que supera o medio século, Barreiros, nado en Ourense en 1950, desenvolveu unha prolífica carreira profesional en ámbitos como a publicidade, a moda e a fotografía artística. As súas obras percorreron salas de exposicións en España, Francia, Italia, Inglaterra e Portugal, e é autor de varios libros fotográficos. Na actualidade prepara tres novas publicacións centradas no jazz, a auga e o viño.
O artista forma parte da Asociación Cultural Black&Chain Community, que mantén un acordo coa Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras para achegar a cultura aos espazos de saúde. Nese marco enmárcase esta mostra permanente, pensada para ofrecer un respiro visual e emocional a todas as persoas que acoden ao hospital.