O Hospital Universitario de Ourense dá a benvida á nova promoción de enfermería 2025-2029

A directora da Escola Universitaria de Enfermería, Mª Milagros Fernández, xunto coa directora de enfermería da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Josefa Rodríguez, deron hoxe a benvida aos cincuenta e sete estudantes que comezan o primeiro curso da promoción 2025-2029 de enfermería no Hospital Universitario de Ourense.
Os alumnos desenvolverán a súa formación combinando as clases na Escola, situada no edificio Santa María Nai, coas instalacións do Campus de Ourense. A súa preparación práctica realizarase nos servizos clínicos do hospital e nos diferentes Centros de Saúde docentes da provincia. Este programa forma parte dun plan de estudos cunha elevada carga de créditos prácticos, cada vez máis esixente no ámbito académico.
Aínda que se observa unha incorporación gradual dun maior número de homes, a presenza femi-nina segue a ser maioritaria nesta promoción, con sete homes fronte a cincuenta mulleres. Case todas as novas alumnas proceden da comunidade autónoma de Galicia, agás cinco estudantes de Cáceres e Ciudad Real.
Este curso, a Escola acadou a súa nota de corte máis alta, con 11.387 puntos, situándose como a segunda máis elevada en ciencias da saúde da Universidade de Vigo e a cuarta entre as oito esco-las de Galicia. Supera así a Lugo ou Pontevedra, sendo só superada polas escolas de Santiago, A Coruña e Vigo, que contan cunha poboación universitaria moito maior.