O humor crítico de 'O Carrabouxo' gaña o XLII Premio 'Celanova, Casa dos Poetas'

O humorista gráfico Xosé Lois González, coñecido popularmente como 'O Carrabouxo', foi distinguido co XLII Premio 'Celanova, Casa dos Poetas', un recoñecemento co que a Fundación Curros Enríquez quixo salientar a súa longa e destacada traxectoria en defensa da cultura galega e de Galicia.
A decisión foi adoptada por unanimidade polo xurado do galardón, presidido por Antonio Puga Rodríguez, tras avaliar as propostas internas presentadas e as súas respectivas traxectorias vitais, tal e como recollen as bases do premio. A entidade destaca en González unha figura clave do humorismo gráfico galego da etapa democrática, cun labor sostido desde 1982 nas páxinas de 'La Región', onde consolidou unha voz propia capaz de interpretar a actualidade con ironía, retranca e fondo sentido crítico.
Desde a Fundación Curros Enríquez subliñan que 'O Carrabouxo' soubo converter o humor nunha ferramenta de comunicación útil para provocar un sorriso reflexivo e, ao mesmo tempo, remover conciencias. O padroado considera que o autor e o seu universo creativo representan unha continuidade da tradición satírica galega, na liña das viñetas de Castelao e doutros rexistros clásicos da cultura popular do país.
Xunto ao seu valor como creador, a fundación tamén puxo o acento no compromiso que mantivo desde os anos oitenta co proceso de recuperación da casa familiar de Manuel Curros Enríquez para o patrimonio público. Ese apoio, segundo a entidade, contribuíu a reforzar o simbolismo e a proxección cultural da actual Casa dos Poetas.
A concesión do premio produciuse nunha data especialmente simbólica, o 7 de marzo, coincidindo co 118 aniversario do falecemento de Manuel Curros Enríquez. Nesa xornada reuniuse o Padroado da Fundación Curros Enríquez coa presenza de representantes do Concello de Celanova, da Deputación Provincial de Ourense, da Real Academia Galega, da Universidade de Vigo e doutros patróns a título individual. Na sesión aprobáronse tamén as contas e as actividades correspondentes a 2025, ademais doutros asuntos internos da entidade.
No balance do último exercicio, a fundación destacou a atención prestada a máis de 12.000 persoas ao longo de 2025 a través das súas actividades e servizos en espazos como a Casa dos Poetas e a Torre de Vilanova dos Infantes. Só a Casa dos Poetas recibiu máis de 6.000 visitantes, cunha especial incidencia dos grupos escolares, xa que 2.600 alumnos participaron no programa 'Ven coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio'.
A programación cultural desenvolvida na Casa dos Poetas ao longo do pasado ano volveu reunir exposicións, conferencias, proxeccións, xornadas de convivencia e colaboracións con outras institucións en distintas iniciativas celebradas na vila. Entre todas elas, a fundación salienta o peso das presentacións literarias, con máis de vinte actos organizados, unha cifra que rolda as dúas convocatorias mensuais.
Durante a reunión tamén se actualizou a información relativa á proposta de reforma do edificio da casa familiar de Manuel Curros Enríquez e ao plan de renovación museística do espazo. O obxectivo é impulsar estas actuacións entre 2026 e 2027, coincidindo coa conmemoración do vixésimo aniversario da apertura da Casa dos Poetas.