O humorista Santiago Caamaño, coñecido como “Champi Muros”, dará o pregón do Entroido de Frei Canedo

OurenseXa
Será o luns, 16 de febreiro ás 19:30 horas dende a balconada da cafetería Don Gaetano
entroido-frei-canedo-2026
5 Feb 2026

O parque da Ribeira de Canedo será, un ano máis, o centro das celebracións do Entroido de Frei Canedo, que se desenvolverán do 12 ao 17 de febreiro. Un dos momentos destacados desta edición será o pregón-sermón que ofrecerá o creador de contidos Santiago Caamaño, coñecido como “Champi Muros”, o luns 16 de febreiro ás 19:30 horas dende a balconada da cafetería Don Gaetano. Desde a Asociación Cultural Frei Canedo destacan que apostan por unha figura popular nas redes sociais, con capacidade para atraer especialmente á mocidade, “que traspasa fronteiras e que chega ao barrio da Ponte con moitas ganas de facer a xente pasar un gran rato”.

O cartel oficial deste Entroido foi seleccionado a través dun concurso público con ampla participación. Ademais, volven impulsar o concurso de escaparates entre os comercios do barrio para “potenciar a súa participación no Entroido”. En canto ao concurso de comparsas, que terá lugar o luns de Entroido ás 20:00 horas durante a procesión-desfile, este ano haberá cinco premios: tres para comparsas con maioría de adultos e dous para as que teñan maioría de nenos, escolas ou ANPAs. Destacan que este ano “aumentamos os premios no concurso de comparsas”.

A programación arrincará o xoves 12 coa Gran Festa de Comadres no parque da Ribeira de Canedo, que por segundo ano se celebrará nunha carpa aberta ao público. Haberá unha cea popular con menú completo a 25 euros, e as entradas poden adquirirse ata o 11 de febreiro en distintos puntos da vila. A festa seguirá con baile de disfraces e actuacións musicais, sendo obrigatorio que todos os asistentes vaian disfrazados de muller, “tal e como manda a tradición”.

O venres 13, os cofrades de Frei Canedo participarán no desfile organizado polo Concello de Ourense no casco vello, e pola noite na carpa terá lugar a Festa DJ, con actuacións de ata catro recoñecidos DJs da cidade.

O sábado 14 comezará cun pasarrúas polo barrio da Ponte coa música de Cantares da Cunha, seguido por música e baile de disfraces na carpa, rematando coa actuación da Orquestra La Noria.

O domingo estará dedicado aos máis pequenos, con xogos tradicionais, talleres de maquillaxe e pintura, animación, concursos e un taller de queixos ofrecido por Vallelongo. Tamén haberá sesión vermú con Verbena Disco e Noray Vilas e comida popular á mediodía. A tarde pecharase co “Got Talent do Frei Canedo” para nenos e o concerto do grupo ourensán Santa Compaña ás 21:00 horas.

O luns 16, día grande do Entroido, celebrarase outro pasarrúas pola mañá con Aperta Percusión e pola tarde os actos solemnes na capela, incluíndo o bautismo dos novos cofrades, entrega de premios e o pregón de “Champi Muros”. Ás 20:00 horas comezará a procesión de Frei Canedo, que espera unha gran participación de comparsas, seguida da entrega de premios e música na carpa coas actuacións da orquestra Solara e o tradicional folión de fogos de artificio á medianoite.

Un ano máis dende a Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte apostan pola innovación, por novas actividades e por seguir impulsando as xa existentes e que foron un éxito ao longo das últimas edicións. O obxectivo segundo explican dende a asociación “é seguir fomentando a participación dos pontinos, as pontinas, os ourensáns e as ourensás no Entroido de Frei Canedo e superar as cifras do ano pasado, cando máis de 35.000 persoas pasaron pola carpa ao longo dos días que durou o Entroido”.

⚙ Configurar cookies
0.083412885665894