O IES Universidade Laboral de Ourense cumpre 50 anos como referente na Formación Profesional

O IES Universidade Laboral de Ourense celebrou este xoves o acto central das conmemoracións polo seu 50 aniversario, cunha xornada que estivo dedicada a analizar a evolución da FP neste centro nas últimas décadas, coa participación do director do centro, antigos alumnos, empresarios colaboradores da FP Dual intensiva.
O acto tamén contou coa presenza da directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, que destacaron a traxectoria deste centro como “un referente na Formación Profesional e unha peza clave no progreso educativo e económico da provincia”.
O acto de hoxe forma parte dun amplo programa de actividades desenvolvido ao longo de 2025 con motivo desta efeméride, no que destacou a inauguración dun mural realizado polo artista Mon Devane, ex alumno do centro.
Durante a súa intervención, Eugenia Pérez reafirmou o compromiso da Xunta coa Formación Profesional en Ourense, subliñando que a oferta para o curso 2025/26 incorporou ciclos que responden ás necesidades dun mercado laboral en transformación. Nesa liña, sinalou que a ampliación de prazas “permite dar máis oportunidades ao alumnado e, ao mesmo tempo, atender as necesidades reais das empresas”. Grazas á ampliación da oferta en toda a provincia, a matrícula medrou un 5,14% respecto ao curso 2024/25.
O Instituto Universidade Laboral foi o primeiro centro e un dos primeiros de Galicia en implantar a FP Dual. Este curso incorporou, ademais, dúas novidades, o Grao Medio de Mantemento de Material Rodante Ferroviario e o Grao Medio de FP Dual Intensiva en Condución de Vehículos de Transporte por Estrada. Unhas actuacións que, segundo a directora xeral de Formación Profesional , “responden a sectores emerxentes e con alta demanda de profesionais”. Con ciclos como estes a Universidade Laboral seguirá sendo un motor de oportunidades para a mocidade ourensá.