O II Encontro de Teatro Afeccionado botou a andar en Vilamarín

O pasado 31 de xaneiro deu comezo en Vilamarín a segunda edición do Encontro de Teatro Afeccionado, que volve reunir a grupos locais e de distintos puntos da comarca. A primeira representación correu a cargo do Grupo de Teatro de Vilamarín, que subiu ao escenario coa comedia 'Dorotea', adaptación e dirección de Eva Tato e Galicia Gutiérrez “Gali”, baseada na obra de Miguel Mihura 'La bella Dorotea'.
O elenco local contou coa participación de veciñas e veciños como Tania Pérez, Maricarmen Gómez, Marilisa Freijedo, Pepita López, Alicia Cortés, Modesto Veiras, Amalia Conde, Pepita Guzmán, Consuelo Pérez, Herminia López, Camila Rodríguez, Cristina Ucha, Floreano Rodríguez e Iván Novoa, que levaron á escena a historia co seu propio estilo e entusiasmo. A programación continuará o 21 de febreiro co espectáculo 'O Boleto' do grupo Teatro Viravento, o 28 de marzo con 'Os vellos non deben namorarse. Ou si?, o 25 de abril con 'E-Merito' de The Sastre Teatro, e finalizará o 30 de maio coa obra 'Fuxidas' de Oreteiro Teatro. O Encontro ofrece así unha oportunidade para visibilizar o traballo das compañías afeccionadas e fomentar a cultura teatral na comarca.