O III Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia adicará a súa edición especial á Vía da Prata

OurenseXa
O campionato terá lugar os días 14 e 15 de outubro no Pazo de Vilamarín e será o primeiro certame de cociña que terá como eixo a Vía da Prata
Presentación do III Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia
4 sep 2024

O III Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia estará adicado en edición especial á Vía da Prata, iniciativa de carácter promocional da gastronomía ourensá cun excepcional itinerario natural, gran riqueza patrimonial e gastronómica. Os días 14 e 15 de outubro a localidade de Vilamarín converterase no epicentro da gastronomía en miniatura do noroeste peninsular.

O evento está dirixido a un máximo de 50 profesionais da cocíña representantes das catro provincias galegas, que xa poden confirmar a súa participación a través da web academiadelatapa.com. O venres 20 de setembro expirará o prazo de inscrición fronte ao reto de converterse no rei da gastronomía en miniatura de Galicia.

“Como neste evento a promoción gastronómica e o turismo van da man nun certame itinerante pola provincia de Ourense, a Deputación a través do Inorde non podía faltar”, explicou o deputado de Representación Institucional e presidente do Inorde, Rosendo Fernández.

“Nesta edición especial do concurso, dedicada á Vía da Prata, haberá accións promocionais deste roteiro xacobeo que vertebra toda a nosa provincia. E recordo que precisamente está aberto o prazo de inscrición para quen desexe facer o Camiño por esta Vía da Prata durante os domingos, a partir do próximo 15 de setembro e ata o 13 de outubro. Unha acción que desenvolve a Deputación a través do Inorde e que xa é a terceira que facemos este ano. Quen desexe facer este Camiño por etapas durante 5 domingos poden inscribirse en conocegalicia.es”, explicou Rosendo Fernández.

Por último, o presidente do Inorde agradeceu á Academia da Tapa “o seu compromiso gastronómico e turístico con esta provincia, cun certame que seguro que volverá ser todo un éxito como xa o foron os dous anteriores”.

Gastronomía en miniatura

Esta competición de gastronomía en miniatura que terá lugar no Pazo de Villamarín é organizada pola Academia da Tapa e do Pintxo de España, co apoio da Deputación de Ourense, a Xunta e Turismo de Galicia, así como patrocinadores privados. Colaboran tamén as asociacións de cociñeiros: Amigos Da Cociña Galega, Cociña Ourense, Cociñeiros Lugo e Coruña Cociña, xunto a CienPorCel, produtos de porco celta e Betula Cars, como vehículo oficial do Campionato.

“Desde a Academia da Tapa estamos moi satisfeitos en dar continuidade á promoción gastronómica da provincia de Ourense e de Galicia, con esta terceira edición do Campionato nun enclave do Camiño de Santiago. Nun certame que incentiva aos cociñeiros para investigar, innovar, seguir achegando valor e excelencia á gastronomía galega, con tapas e petiscos excepcionais en técnica, bo uso dos produtos da terra e viables en barra, valores que deben ter as elaboracións de campeonato, expresou Mikel Martínez, presidente da Academia da Tapa.

“O 14 de outubro terá lugar a primeira xornada de formación en gastronomía en miniatura para os hostaleiros de Vía da Prata, quenes aprenderán novas técnicas, elaboracións e receitas, da man dos actuais campións de tapas e petiscos de Galicia, os seis gañadores do campionato do 2023, co obxectivo de mellorar a oferta gastronómica deste itinerario xacobeo”, explicou Martínez.

Quen opte tal título de campión deberán elaborar unha tapa ou un petisco creativo, saboroso, que se poida comer en máximo tres bocados e cuxo prezo de custe sexa máximo 1.80 euros. A competición, que repartirá máis de tres mil euros en produtos das empresas patrocinadoras e colaboradoras, desenvolverase en directo, en formato showcooking ante un xurado de profesionais da gastronomía.

Gerson Iglesias, presidente de Cociña Ourense convidou os seus compañeiros a participar nesta cita gastronómica, e asegurou que “o campionato é unha experiencia que nos permite saír da nosa rutina para aprender, a través do intercambio de ideas con outros compañeiros que veñen doutras cidades de Galicia, rétanos a innovar e a ser máis competitivos na nosa oferta de tapas e petiscos”.

Vía da Prata - Camiño Mozárabe é un camiño rico en gastronomía de calidade, con alimentos como a castaña, a pataca, ou o pan de Cea, que discorre a través da denominación de orixe vitivinícola máis nova de Galicia, a D.O. Monterrei, e a máis antiga, D.O. Ribeiro.

0.16145801544189