O III Festival Lembranza Ibérica chega este xoves a Celanova cargado de actividades

Celanova prepárase para acoller, do 7 ao 10 de agosto, a terceira edición do Festival Lembranza Ibérica, unha cita xa consolidada no calendario cultural galego que volve reunir a música tradicional e o folclore de diferentes puntos da Península. Organizado pola asociación Lembranza Solpor e o Concello de Celanova, o festival propón catro días de programación pensada para todos os públicos, onde a música, a danza e o espírito festivo toman as rúas da vila.
O xoves 7, o festival arranca cunha xornada dedicada ás agrupacións locais. A música comezará a soar coa actuación de Amigos do Acordeón Terras de Celanova na Alameda, seguida da Banda de Gaitas do Concello de Celanova en Praza Cervantes. A tradición continuará coas Pandereteiras Celavella en Praza do Millo e, para pechar o día, terá lugar unha actuación especial das Xeracións de Lembranza Solpor na Praza Maior.
O venres 8, a programación céntrase na participación interxeracional e na aprendizaxe, cun obradoiro de iniciación ao baile galego na Praza Maior, tamén a cargo de Lembranza Solpor. Pola tarde, distintas formacións da Península –como Celtúria do Círculo Galego de Valencia, a Banda de Gaitas El Gumial de Asturias e GMBT Sadeo de Ponteareas– encherán as rúas cos seus pasarrúas. Xa pola noite, a música tomará a Alameda cos concertos de Five Pipers ás 23:00 e Murga Coelerni a partir das 00:30 horas.
O sábado 9 será a xornada máis intensa. A batucada de Vilatuke dará comezo ao día nas inmediacións da Casa da Música. Ao mediodía, Celtúria trasladarase ata Castromao para unha actuación especial. Pola tarde, Trifulka percorrerá as rúas con outra batucada que dará paso a un novo desfile de agrupacións, onde se sumarán a Nova Fronteira e outras xa presentes nos días anteriores.
Xa pola noite, a Alameda será escenario central do festival: a partir das 22:00 terá lugar o acto principal do III Festival Lembranza Ibérica, seguido dos concertos de Ailá (00:00) e os veteranos Ruxe Ruxe (01:30), dous dos nomes máis recoñecidos do panorama da música tradicional galega actual.
O domingo 10, o festival pechará cun último pasarrúas da Banda de Gaitas El Gumial, que despedirá unha fin de semana marcada pola celebración da cultura popular e a diversidade musical ibérica.
Dende a organización destacan o carácter integrador do evento, que combina música, danza, aprendizaxe e convivencia. Lembranza Ibérica busca seguir medrando como punto de encontro para afeccionados e profesionais da música tradicional, nun formato aberto, participativo e enraizado no territorio.