O incendio rexistrado o pasado 8 de abril en San Cibrao das Viñas debeuse a unha queima de restos agrícolas descontrolada

O lume afectou a 0,36 hectáreas de superficie arborada e debeuse a unha queima realizada sen as debidas medidas de seguridade
queimas_agricolas
24 Apr 2025

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia en Ourense esclareceron un incendio forestal rexistrado o 8 de abril en San Cibrao das Viñas.

O incendio rexistrouse na parroquia de Valiñas-Pazos de San Clodio e afectou a 0,36 hectáreas de superficie arborada. Nunha inspección ocular, os axentes observaron indicios de que o lume fora provocado por unha queima descontrolada na que non se tomaran as debidas medidas de seguridade. Na extinción participaron un helicóptero, un axente forestal, tres brigadas e dúas motobombas. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de Ourense.

Neste caso resultou investigada unha persoa. No que vai de campaña, a UPA leva nove persoas detidas ou investigadas como presuntas autoras de incendios forestais.

A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

⚙ Configurar cookies
0.12598586082458