O Inorde e a Xunta enxalzan o papel da a finca Armariz na conservación das razas autóctonas de Galicia

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; polo delegado territorial en Ourense, Manuel Pardo; e polo director do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), Rosendo Fernández, visitou este xoves a finca Armariz do Inorde, situada no concello ourensán de Nogueira de Ramuín e dependente da Deputación de Ourense. Alí lembrou que en breve se van a asinar os convenios, autorizados polo Consello da Xunta, para apoiar a conservación dos recursos zooxenéticos das razas autóctonas en perigo de extinción, cun importe que supera os 2,5 millóns de euros de xeito conxunto.
Gómez resaltou a importancia destas colaboracións, xa que estas razas constitúen unha “riqueza xenética” fundamental para a biodiversidade, ademais de ser un “patrimonio inmaterial da cultura galega”. Con estes convenios poderase impulsar a conservación da ovella galega, cabra galega e o porco celta. Destacou así as instalacións do Inorde, que na finca Armariz contan cun rabaño dunhas 130 ovellas, 65 cabras e medio cento de exemplares de porco.
O principal obxectivo desta colaboración é fomentar a explotación sostible e rendible dos recursos xenéticos gandeiros autóctonos en sistemas de produción de calidade altamente respectuosos co medio ambiente, mediante actuacións fóra dos sistemas de produción nos que se desenvolven estes recursos.
As entidades, coas que se renovará esta colaboración, ademais do propio Inorde, son a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga); a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga); a Asociación de Criadores de Raza Porco Celta (Asoporcel); a Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) e a Asociación Pura Raza Cabalo Galego (APRG).
Ademais, estas castes representan unha oportunidade para o desenvolvemento de novas gandarías extensivas e de produción ecolóxica, grazas á súa capacidade de adaptarse ás condicións climáticas de Galicia.
En xuño deste ano, a Consellería do Medio Rural puxo en marcha, por primeira vez, unha liña de axudas específica destinada á recría de razas autóctonas gandeiras de ruminantes ameazadas, como as razas bovinas, ovellas e cabras galegas. Esta iniciativa conta cun orzamento total de 390.000 euros, dos cales 350.000 se dirixirán a explotacións de gando bovino, mentres que os 40.000 euros restantes irán destinados a explotacións de gando ovino e cabrún.