O Issga presenta en Ourense unha nova campaña de prevención de riscos laborais

OurenseXa
O Obxectivo desta nova campaña do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia é previr as caídas de altura por mor da instalación de paneis solares en cubertas
issga-campaña-solares
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, na clausura do de presentación dunha nova campaña do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga)
Redacción Ourensexa
25 abr 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, clausurou hoxe en Ourense o acto de presentación dunha nova campaña do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) para previr as caídas de altura por mor da instalación de paneis solares en cubertas. Segundo destacou, esta presentación -que se enmarca nas accións co gallo do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo que se conmemora o próximo domingo 28 de abril e que tamén contou coa presenza da xerente do Issga, Adela Quinzá-Torroja- realízase en colaboración co sector da construción, entre o que se distribuirá documentación técnica que contribúa a reducir a sinistralidade laboral.

Debido ao aumento da instalación de paneis fotovoltaicos nas cubertas de edificios ou de empresas increméntase tamén a súa necesidade de mantemento e reparación, o que comporta riscos -especialmente- de caída de altura. Por iso, a campaña inclúe a publicación e difusión de dous documentos. O primeiro, en forma de alerta, consta de explicacións sinxelas e resumidas. O segundo, máis extenso, cita a normativa que resulta de aplicación nestes casos e recolle as distintas obrigas dos implicados nesta actividade, tanto dos que teñen instalados paneis solares nas súas cubertas, como dos que deciden instalalos e dos instaladores.

Así, entre as recomendacións que se inclúen atópase a de analizar o estado da cuberta, a situación dos paneis solares, a forma de acceso, permanencia, circulación e descenso da cuberta, así como as posibles situacións de emerxencia que se poden dar. Establécese que o persoal traballador debe coñecer o modo de acceder e permanecer de forma segura así como os equipos para empregar e contar coa capacitación e a formación necesarias. Se é necesario elaborar un proxecto, débese integrar a prevención de riscos laborais no deseño da cuberta garantindo que conte con elementos para acceder a realizar os labores de inspección e mantemento en condicións de seguridade.

No marco da campaña, están previstas visitas a distintas empresas en cuxas cubertas estean funcionando paneis solares, ademais de a obras de construción nas que estea prevista a colocación deste tipo de instalacións en cuberta.

Deste xeito, a campaña está dirixida ás empresas instaladoras de paneis solares, ás promotoras, ás construtoras, así como a empresas ou entidades que teñan colocados estes paneis en cubertas. Tamén aos servizos de prevención e delegados de prevención, representantes sindicais, asesorías e mutuas colaboradoras, así como a proxectistas e coordinadores de seguridade e saúde laboral e a outros axentes relacionados co sector.

Máis actos do Issga

Con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo -que este ano está centrado nas repercusións do cambio climático neste eido e nas posibles respostas- o martes próximo presentarase en Lugo unha nova campaña preventiva do Issga, enmarcadas ambas na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027. Tratarase nese caso de garantir a seguridade dos aproveitamentos forestais en zonas perigosas.

En presenza do sector, mostraranse así de xeito gráfico e visual recomendacións para recoñecer as zonas perigosas nas principais tarefas de aproveitamento forestal, como poden ser a corta manual ou mecanizada de árbores, o tronzado ou saca de madeira e a carga sobre plataforma, máis aló doutras situacións especiais que se poden rexistrar.

Cómpre engadir que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia organizou xa a semana pasada unha xornada técnica baixo o título Como avanzar no benestar laboral e ser unha empresa saudable e sostible. Nos próximos días tamén están programadas visitas da Escola Galega de Prevención co gallo de concienciar ás novas xeracións da necesidade de consolidar pautas de saúde e seguridade laboral e accións a prol de colectivos senlleiros como as redeiras e mariscadoras.