O IV Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia consolidou á provincia de Ourense como epicentro da innovación gastronómica

OurenseXa
O concurso, celebrado esta semana no Mosteiro de San Pedro de Rocas, alzou como gañador a Samuel Moreno, do restaurante O Campanario de Nogueira de Ramuín, coa súa creación ‘Lume na Terra’
premio-campionato-tapas-pinchos-esgos
Premios do IV Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia – Ribeira Sacra
22 Oct 2025

O IV Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia – Ribeira Sacra reuniu a preto de corenta cociñeiros procedentes das catro provincias galegas nunha xornada que consolidou o certame como un referente da hostalería da comunidade.

O histórico Mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos, converteuse no escenario desta cita culinaria, na que os participantes amosaron o mellor da cociña en miniatura de Galicia. Entre aromas, texturas e sabores, proclamáronse os gañadores da cuarta edición, reforzando á provincia de Ourense como epicentro da innovación gastronómica.

O primeiro premio recaeu en Samuel Moreno, do restaurante O Campanario en Nogueira de Ramuín, coa súa creación ‘Lume na Terra’, un bocado de marrón glace con costela desmechada deseñado para degustarse en un ou dous bocados, que combina sabor, equilibrio e practicidade en formato reducido. Moreno recibiu unha dotación de 1.500 euros en produtos do Grupo Hermi, un estoxo de Povarelo e un diploma acreditativo.

Os segundos clasificados foron Judicael Romero e Alberto Fernández, do Hotel Restaurante Pallabarro de Allariz, coa súa proposta ‘Morriña’, un bollo recheo de tendóns confitados e coláxeno afumado, mentres que Javier Salgado, de La Tula en Vigo, logrou o terceiro lugar coa súa ‘Tartaleta de salmonete’, un bocado que combina mar e terra cun toque cítrico e crocante. Os tres gañadores recibiron ademais agasallos cortesía de Cafés Candelas, colaboradores do certame.

O campionato tamén recoñeceu a creatividade e a innovación dos participantes con mencións especiais. Entre elas destacaron propostas como ‘Beso Atlántico’ de Café Vanessa en Ferrol, a tapa máis innovadora de Rubén González con ‘El canto del gallo’, a creación sen glute de Beatriz Alcalá e a proposta sostible de Braise Gómez coa súa ‘Tartaleta de filloa de castaña’. Os maridaxes con cervexa, vermú ou viños da Ribeira Sacra tamén tiveron protagonismo, premiando elaboracións que uniron tradición e produto local.

Organizado pola Academia da Tapa e do Pintxo de España, o certame contou coa colaboración de empresas locais, asociacións de cociñeiros e patrocinadores que fixeron posible un reparto de premios superior aos 3.000 euros. A Ribeira Sacra, co seu paisaxe, o seu viño e a súa gastronomía, volveu demostrar que é un destino privilexiado para gozar da cociña galega en miniatura.

⚙ Configurar cookies
0.060769081115723