O Liceo de Ourense acolle a presentación do libro “Diarios” de Syra Alonso

O Liceo de Ourense será escenario este mércores 8 de abril, ás 19:30 horas, da presentación do libro “Diarios” de Syra Alonso, nun acto que terá lugar na Sala de Tertulias da entidade, situada na rúa Lamas Carvajal.
Na presentación intervirá o escritor Francisco Fernández Naval, mentres que o acto estará conducido por David Simón Lorda, de Amigos da República, e Carmen Rodeja, da ARMH.
A obra chega nunha nova edición actualizada e ampliada, que incorpora material inédito, tanto textos como imaxes, e conta coa participación de especialistas na autora como Carme Vidal, Anxos Sumai e o investigador mexicano Conrado J. Arranz.
“Diarios” recolle os escritos de Syra Alonso (A Coruña, 1899 – México, 1970), unha das cronistas da represión franquista, que narra o vivido en Galicia durante a Guerra Civil e a súa loita por salvar ao seu marido, o pintor Francisco Miguel, detido en agosto de 1936 e posteriormente asasinado.
Esta edición amplía o volume publicado no ano 2000 tras o descubrimento dos manuscritos, incorporando un estudo introdutorio actualizado, a tradución ao galego e un epílogo que afonda na faceta literaria da autora. Ademais, inclúe un conto descoñecido de Syra Alonso, titulado “Tres homiños”, así como unha selección de fotografías e documentos pouco difundidos.
O libro constitúe un testemuño directo sobre a represión e a memoria histórica, a partir da experiencia persoal da autora tras o asasinato do seu marido, cuxos restos foron identificados en setembro de 2023 tras a súa exhumación.