O Liceo de Ourense inaugura a exposición “Cela, Guadix e Celanova”

A exposición documental “Cela, Guadix e Celanova”, que explora a relación do premio Nobel Camilo José Cela coa localidade granadina de Guadix e con Celanova, pode visitarse desde este luns 16 ata o 31 de marzo na planta alta do claustro do Liceo de Ourense.
A mostra profundiza nos vínculos persoais e profesionais de Cela con figuras de ambas localidades. Durante os seus primeiros anos como xornalista, Cela traballou na oficina de censura dirixida por Juan Aparicio en Guadix, da que xurdiu unha relación persoal duradeira, plasmada en numerosos documentos conservados pola familia accitana García de los Reyes. Por outra banda, a exposición tamén aborda os lazos familiares e literarios do escritor con Celanova, investigados por Antonio Piñeiro, incluíndo conexións con personaxes históricos da vila e de Ourense.
Como actividade destacada, o venres 20 de marzo ás 19:00 horas realizarase unha visita guiada no Liceo de Ourense. Nel participarán Antonio Piñeiro, especialista na relación de Cela con Celanova e nos seus contactos con escritores locais, e Torcuato Fandila García, propietario do arquivo documental de Juan Aparicio e da familia Cela.
A exposición forma parte das actividades culturais organizadas tras a firma en 2007 do protocolo de irmandamento entre Celanova e Guadix, co obxectivo de manter viva a relación histórica entre ambas localidades desde a época de San Torcuato.
Os interesados poden visitar a exposición de luns a domingo ata o 31 de marzo na planta alta do claustro do Liceo de Ourense.