O mellor pop rock alternativo chega este sábado a Expourense na terceira edición do OUR FEST

OurenseXa
OUR FEST ofrecerá unha vibrante xornada de pop rock alternativo este sábado 14 de setembro, destacando o mellor da música nacional e internacional
Presentación do OUR FEST 2024
Presentación do OUR FEST 2024
11 sep 2024

A terceira edición de OUR FEST xa está ao virar a esquina. Este sábado 14 de setembro, Expourense abrirá as súas portas para unha xornada repleta do mellor pop rock alternativo. Un festival que en tan só tres anos, logrou posicionarse como un referente da escena musical nacional, e este 2024 non será diferente, cun cartel que promete emocións fortes grazas á presenza de artistas como Jake Bugg, Miles Kane e Yard Act, que actuarán por primeira vez en Galicia, xunto a grandes nomes como Teenage Fanclub, Los Enemigos e Caballo Prieto Azabache.

Esta mañá celebrouse a rolda de prensa do evento en Expourense, onde participaron Xosé Manuel Merelles, Director de Turismo de Galicia; César Fernández, Vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e Deputado de Cultura; Aníbal Pereira, Tenente de alcalde do Concello de Ourense; e David Jiménez-Zumalacárregui, director artístico do festival. Unha presentación na que se destacou a relevancia do festival non só como evento musical, senón como un verdadeiro motor cultural e turístico para a rexión. A colaboración de entidades como a Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e Xacobeo, a Deputación de Ourense, o Concello de Ourense, Estrela Galicia e o medio oficial, Cadea Ser, foi clave para este crecemento.

Rogelio Martínez, Director xerente de Expourense, abriu a rolda de prensa destacando o compromiso do recinto co festival, que abre a tempada de eventos este ano, e o seu papel na proxección de Ourense. A continuación, César Fernández, Vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e Deputado de Cultura, destacou: “A importancia dos eventos culturais para a dinamización dun territorio, atraendo a miles de persoas e enchendo os hoteis e restaurantes”. Pola súa banda, Aníbal Pereira, Tenente de alcalde do Concello de Ourense, comentou: “OUR FEST pon a Ourense no mapa cultural e turístico de Galicia, ofrecendo unh oportunidade para mostrar o mellor da nosa cidade e este ocio fai á xente máis feliz”.

David Jiménez-Zumalacárregui, director artístico do festival, engadiu: “Este ano, igual que nos anteriores, seguimos na liña da búsqueda da calidade e non da cantidade, atraendo a xente de moitas partes, cun cartel diferente, con bandas que teñen un pasado e bandas actuais que están dando moito que falar”. Finalmente, Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia, pechou as intervencións afirmando que: “Grazas tamén ao traballo conxunto das tres institucións, Ourense converteuse nunha das principais cidades musicais non só de Galicia, senón tamén a nivel estatal, axudando a proxectar a nosa cultura e atraeando tamén a visitantes do norte de Portugal cun cartel tan atractivo e diferente”.

O cartel deste ano inclúe a Caballo Prieto Azabache, que abrirá a xornada ás 17.30 horas coa súa mestura de enerxía e melancolía. Ás 18.45 horas, Los Enemigos tomarán a substitución, presentando o seu último álbum “Bestieza”. Ás 20.15 horas, Teenage Fanclub, pioneiros do power pop, ofrecerán un set cheo de nostalxia con temas do seu álbum “Endless Arcade”.

A noite avanzará con Miles Kane ás 21.45 horas, quen traerá a súa inconfundible mestura de rock alternativo e glam rock. Ás 23.15 horas, Yard Act ofrecerá a súa electrizante post-punk con crítica social. O peche ás 00.45 horas chegará con JakeBugg, presentando temas do seu próximo álbum “A Modern Day Distraction”.

Cunha ocupación hostaleira que xa roza o 90% na cidade e os seus arredores, o festival
tamén supón un impulso significativo para a economía local. Os restaurantes e comercios prepáranse para recibir a unha afluencia masiva de visitantes que, ademais de gozar de OUR FEST, terán a oportunidade de descubrir o encanto de Ourense, coñecida polas súas termas e a súa rica oferta gastronómica.

As entradas para a terceira edición de OUR FEST en Expourense están á venda a través de ourfest.gal e ataquilla.com a un prezo de 40 euros (+ gastos de xestión).

0.19703602790833