O Mercado Medieval de Ourense ofrecerá máis de 80 actividades

O casco histórico de Ourense mergullarase nunha viaxe ao pasado co agardado regreso do Mercado Medieval, que formará parte un ano máis do programa das Festas de Ourense 2025. Do 18 ao 22 de xuño, os postos, espectáculos e pasarrúas transformarán as rúas do centro nun bulideiro escenario de época, cheo de música, cor e personaxes fantásticos. Máis de 80 actividades dirixidas a todos os públicos prometen encher a cidade de ambiente festivo durante cinco intensas xornadas, grazas a un completo programa.
O mercado abrirá as súas portas o mércores 18 ás 17:30 horas, e media hora despois celebrarase a inauguración oficial, cun pregón e un pasarrúas protagonizado por todas as compañías participantes. Desde ese momento, o espectáculo será continuo: a marquesa fará a súa aparición no recinto, chegarán contacontos como Ashdrog, comezará a música e non faltarán os malabares, o circo e grandes desfiles como 'O Gran Dragón', todo culminado con impresionantes exhibicións de lume e trapecio.
Ao longo dos días seguintes, o mercado medieval ofrecerá unha variada programación que se desenvolverá tanto en horario de mañá como de tarde. Haberá encontros musicais, narracións de contos con especias, bufóns, zancudos, trobadores, faunos, perfumistas e meigos. Os máis pequenos poderán gozar de espectáculos pensados especialmente para eles, mentres que o público adulto atopará momentos para deixarse levar pola maxia do teatro de rúa e da música folk ou medieval.
Entre os personaxes máis recorrentes do programa figuran Percival, o soldado perdido, os Trobadores e a enigmática marquesa, que percorrerá os postos e encantará as persoas visitantes coa súa corte. Tamén destacan os espectáculos de gran formato que cada noite pecharán a xornada, como os pasarrúas de lume e as representacións de 'O Gran Dragón'.
O domingo 22 celebrarase o peche do mercado cun pasarrúas de despedida ás 22:30 horas, poñendo fin a unha semana de festa e fantasía que converterá Ourense nun auténtico poboado medieval. Un plan perfecto para gozar en familia ou con amizades, entre sons de gaitas, aromas de especias e personaxes sacados dun conto.