O mestrado de Enfermaría adscribirase á Facultade de Enfermaría unha vez estea creada

OurenseXa
O reitor aclara a postura da institución académica arredor deste tema tras a aprobación no último Consello de Goberno da declaración de interese do Mestrado en Enfermaría, adscrito de maneira provisional a Fisioterapia, á espera de que se cree a Facultade de Enfermaría.
reitor_facultade_enfermeria_UVigo
3 Feb 2024

Este venres Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, remitiu á comunidade universitaria unha carta aberta sobre a integración das escolas adscritas de Enfermaría na UVigo. Ante as informacións difundidas ao respecto e ante unha carta remitida pola plataforma Pro Campus, no texto aclara a postura da institución académica arredor deste tema tras a aprobación no último Consello de Goberno da declaración de interese do Mestrado en Enfermaría, adscrito de maneira provisional a Fisioterapia, á espera de que se cree a Facultade de Enfermaría.

O responsable académico lembra na misiva a complexidade do procedemento para a creación da Facultade de Enfermaría xa que, indica, “non temos ningunha titulación de enfermaría propia e temos, nada máis e nada menos, que catro escolas adscritas no conxunto dos tres campus: dúas dependentes do Sergas (en Ourense e en Vigo), unha da Deputación de Pontevedra e unha privada en Vigo (Povisa)”. Cando se decidiu impulsar o proceso de creación da Facultade de Enfermaría da Universidade de Vigo, sinala Manuel Reigosa na carta, “eu albisquei unha facultade intercampus: un centro con responsabilidades compartidas, capaz de aproveitar todo o talento das actuais escolas adscritas, de captar e de reter talento de fóra e, obviamente, de cubrir a formación de novos profesionais e de novos membros do seu cadro de persoal docente e investigador”. Por iso, engade, “apostei persoalmente pola posta en marcha dun título de Mestrado en Enfermaría, aberto ás persoas graduadas e que permitirá logo seguir co título de doutoramento, ao entender que a formación de doutores e doutoras é, seguramente, a maior eiva das actuais escolas adscritas”.

Para a posta en marcha deste mestrado, lembra o reitor no seu texto, o nomeado decano-comisario para o futuro centro Rafael Durán creou unha comisión na que participaron cinco persoas: unha en representación de cada escola adscrita, un médico, que leva tempo colaborando coa institución, e el mesmo. “Tiñamos dúas posibilidades, tendo en conta que o mestrado debía de tramitarse a través dun centro rexistrado no RUCT: esperar a creación da Facultade de Enfermaría ou tramitalo nun centro preexistente. Como para min e para o meu equipo era unha cuestión urxente, decidimos pedirlle á Facultade de Fisioterapia (o noso único centro docente do ámbito das ciencias da saúde) que o tramitase”, detalla Manuel Reigosa. Tomada a segunda opción, o reitor indica que “eu estoulle moi agradecido ao centro por aceptar. Isto permite adiantar un ano completo a tramitación. Pero todo o mundo sabe que, se nese ano se crea a Facultade de Enfermaría da Universidade de Vigo, o título adscribirase a este centro”. Neste senso, respecto á creación desta facultade, o responsable académico amosa a súa satisfacción por "sermos quen de atopar as complicidades necesarias para a súa posta en marcha" e a súa confianza en que "por primeira vez, (esta creación xa a intentaron outros equipos reitorais, sen éxito), penso que vai ser factible", recalcado que "unha facultade única, integrada e con persoal dos catro títulos actuais é unha boa aposta para Galicia". Como peche da carta, Reigosa recalca que "seguimos coa idea de facer todo o posible para ter unha facultade completa o antes posible, e para que ese centro, gobernado desde os tres campus, sexa un orgullo para todos e todas nós".

0.18506503105164