O Ministerio de Transportes terá que devolver os 1,4 millóns de euros da subvención da Praza de Abastos

A Audiencia Nacional ditou unha sentenza na que estima o recurso presentado polo Concello de Ourense contra unha resolución do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, datada o 29 de xullo de 2022, que ordenaba o reintegro ao Tesouro Público de 1.435.265,66 euros correspondentes a unha subvención concedida en 2016.
A cantidade reclamada incluía 1.190.919,84 euros da anualidade aboada o 11 de xaneiro de 2016, ademais de 244.345,82 euros en concepto de xuros de demora. Esta subvención estaba destinada á primeira anualidade das obras de rehabilitación da Praza de Abastos número 1 de Ourense.
A Sala do Contencioso-Administrativo, Sección Oitava, conclúe que a resolución que ordenaba o dito reintegro “non é conforme a dereito”, polo que queda sen efecto. En consecuencia, o Ministerio deberá devolver esta cantidade ao Concello, que xa procedera previamente ao seu reintegro. A sentenza tamén impón á parte demandada o pagamento das custas procesuais e é susceptible de recurso de casación.
O Concello recorrera a resolución alegando varios motivos, entre eles a caducidade do procedemento de reintegro, a infracción do principio de confianza lexítima, o cumprimento da subvención, a validez das certificacións achegadas e a falta de competencia do órgano que ditou a resolución.
A Audiencia Nacional estima o recurso por un dos argumentos principais: a caducidade do procedemento. Segundo recolle a sentenza, a Administración superou o prazo de 12 meses establecido na Lei Xeral de Subvencións para resolver e notificar o expediente. Por este motivo, o tribunal considera que a resolución debe declararse non conforme a dereito. Ao apreciar esta caducidade, a Audiencia Nacional non entra a valorar o resto dos motivos expostos polo Concello no seu recurso.