O Mosteiro de Santo Estevo acolleu este xoves a entrega dos Premios da Cultura Galega 2026

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
A Editorial Galaxia, Antón Corral, a asociación Sempre en Galicia, a Bienal de Arte de Pontevedra, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Bodegas Martín Códax, Baños Films e a campaña Aquí tamén se fala foron os premiados este ano
premios-cultura-galega
10 Apr 2026

O Mosteiro de Santo Estevo acolleu este xoves a entrega dos Premios da Cultura Galega 2026, que nesta edición recoñeceron un total de oito proxectos. Entre eles, a Editorial Galaxia, que celebra o seu 75 aniversario promovendo obras en lingua galega; o mestre Antón Corral, polo seu papel na difusión e coñecemento da música tradicional; a asociación Sempre en Galicia, que leva décadas promovendo a cultura galega entre a diáspora en Uruguai; a Bienal de Arte de Pontevedra; a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas; Bodegas Martín Códax; a produtora Baños Films; e os creadores da campaña Aquí tamén se fala.

O acto de entrega contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que destacou durante a súa intervención o bo momento que está a vivir o sector cultural en Galicia, que representa o 3% do PIB e dá emprego a máis de 35.000 persoas.

Ademais, lembrou algúns dos últimos fitos acadados por creadores galegos, como a candidatura aos Oscar da película Sirat, de Óliver Laxe; o Latin Grammy para a pianista Isabel Dobarro; ou os premios nacionais que recoñeceron á autora Miriam Reyes, á compañía Pistacatro e á bailarina Janet Novás nas categorías de Poesía, Circo e Danza, respectivamente.

Rueda salientou o compromiso da Xunta de seguir impulsando un sector clave para a comunidade, destinando máis de 110 millóns de euros ás políticas culturais nos orzamentos deste 2026.

Por último, destacou tamén o escenario elixido nesta ocasión para a entrega destes prestixiosos galardóns: a Ribeira Sacra. O mandatario expresou o desexo de que este territorio acade o recoñecemento de Patrimonio da Humanidade pola Unesco, cuxa avaliación final terá lugar no mes de xullo.

0.12927293777466