O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense custodiará seis moedas históricas de enorme valor patrimonial

As seis moedas históricas adquiridas da colección numismática privada de Antonio Orol pasarán a custodiarse e exhibirse no Museo Arqueolóxico de Ourense, onde poderán contemplarse publicamente nos vindeiros meses.
As pezas foron incorporadas ao patrimonio galego tras o exercicio do dereito de tenteo por parte da Xunta de Galicia, cun investimento de 178.200 euros, ao abeiro do artigo 49 da Lei 5/2016 de Patrimonio Cultural de Galicia. Trátase de seis exemplares de especial singularidade: Tremissis Suevo de Honorio, Tremissis Suevo de Valentiniano, Tremissis Suevo serie Latina Mvnita, Tremissis Visigodo de Wamba, 1/2 de excelente da Granada dos Reis Católicos e 1/2 real de Felipe II.
Estas moedas abranguen distintos períodos históricos e constitúen un valioso testemuño material tanto do Reino Suevo en Galicia como de etapas posteriores do medievo e da Idade Moderna.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou durante a recepción oficial que se trata de “emisións únicas dun valor excepcional e dunha relevancia incuestionable para o patrimonio cultural da Comunidade”, pezas que transcenden o ámbito do coleccionismo privado polo seu significado histórico e documental.
Antes de formalizar a súa adquisición, o Goberno galego xa iniciara o procedemento para a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), o que implicou a súa protección inmediata. López Campos salientou que supoñen un “testemuño material e documental da presenza do Reino Suevo en Galicia e tamén do medievo renacentista, que exceden calquera interese centrado meramente no coleccionismo, e que deben ser conservadas nas mellores condicións”.
As moedas poderán visitarse ata o mes de xuño na sede do Museo Arqueolóxico de Ourense situada xunto ao claustro de San Francisco. Posteriormente, formarán parte dunha exposición dedicada ás últimas adquisicións da entidade museística, prevista para o segundo semestre do ano. Unha vez rematen as obras da nova localización na Praza do Bispo, exhibiranse de maneira permanente.