O Museo do Lebre, unha homenaxe permanente a Manuel Fernández Fernández “O Lebre das Casarizas”

Situado na planta baixa do Edificio Multiusos do Concello da Peroxa atópase o Museo do Lebre, un lugar que conserva e amosa de forma gratuíta preto de cincocentas pezas creadas e empregadas por Manuel Fernández Fernández, coñecido en toda a comarca como O Lebre das Casarizas.
A colección permite descubrir a vida e os oficios tradicionais do rural galego do século XX a través das máquinas, ferramentas e enxeños que este veciño construíu durante décadas.
Manuel Fernández naceu en 1906 na aldea das Casarizas, na Peroxa, e faleceu en 1997. O seu alcume, que herdou da súa nai, fíxose famoso grazas ao seu espírito independente e ao seu inquebrantable desexo de liberdade, algo que el mesmo resumía coa frase “O Lebre quérese libre”. Foi un creador incansable, cunha mente curiosa e unha actitude desafiante ante os retos que a industrialización trouxo ao mundo agrícola.
O seu período máis activo concentrouse nos anos previos á Guerra Civil e estendeuse ata a década dos setenta. O impulso que recibiu durante o seu servizo militar no cuartel de San Francisco, onde tivo acceso a formación técnica e a libros especializados, avivou aínda máis a súa sede de coñecemento. Desde entón comezou a adquirir manuais de medicina, enxeñaría e botánica que solicitaba por correo a diversas editoriais de España. Incluso chegou a obter o título de mecánico dentista, profesión que exerceu usando instrumental que el mesmo deseñou e fabricou, parte do cal tamén se pode ver na exposición.

Na planta baixa da súa casa instalou unha forxa-obradoiro que funcionou durante máis de cincuenta anos como o seu centro de operacións. Alí creaba as súas propias ferramentas e maquinaria —tornos motorizados, esmerís, mandrís, cilindros, parafusaría e pezas específicas—, ademais de apeiros agrícolas tanto para el como para os seus veciños. Encargábase de reparar reloxos, máquinas de coser e todo tipo de vehículos, reutilizando motores e compoñentes antigos para darlles nova vida aos máis modernos.
Entre as súas creacións máis destacadas atópase unha máquina de mallar, que construíu a partir dun motor Chevrolet recuperado. Co tempo, esta máquina converteuse nunha das primeiras grandes innovacións agrícolas do concello. Ademais, deseñou outras máquinas que chegou a comercializar, así como ferramentas específicas para traballar a madeira, moldes e dispositivos desmontables para o uso diario.
Grazas á iniciativa do Concello da Peroxa e á colaboración da familia do Lebre, todo este valioso legado reuniuse no Museo do Lebre, que abriu as súas portas ao público en 2023. Este proxecto, apoiado con fondos Leader, permitiu acondicionar o edificio e poñer en valor unha obra única que hoxe en día axuda a preservar a memoria dun artesán polifacético, cuxa creatividade deixou unha fonda pegada na Peroxa e nos concellos próximos.