O Neveiro do Eirado acolle este domingo a estrea da peza 'Mover Cinzas'

A compañía Sólodos, formada por Maruxa Salas e Erick Jiménez, abrirá en Xunqueira de Espadanedo a tempada de estreas do programa anual de coproducións do Centro Coreográfico Galego
Cartel da peza 'Mover Cenizas'
18 Ago 2024

Sólodos, a compañía de Maruxa Salas e Erick Jiménez, abre este domingo 18 de agosto a tempada de estreas do programa anual de coproducións do Centro Coreográfico Galego cos primeiros pases públicos do espectáculo 'Mover cenizas'. A peza poderá verse no Neveiro do Eirado de Xunqueira de Espadanedo en sesión dobre, ás 19.00 e ás 20.00 horas.

Mover cenizas está inspirada na vaga de lumes que asolaron a provincia de Ourense no ano 2006 e que deixaron unha profunda pegada na coreógrafa Maruxa Salas. A cinza aparece como residuo do arrasado, do deserto e da poética do que queda, do que perdura e como se transforma, construíndo a partir dos bosques convertidos en po unha metáfora do rexurdimento, un convite a habitar o presente para continuar polo camiño da vida.

Maruxa Salas e Erick Jiménez están á fronte da dirección e das coreografías, nas que contaron tamén coa asistencia do coreógrafo catalán Arnau Pérez de la Fuente. O ourensán John Axiom é o responsable do espazo sonoro e da composición musical, mentres que Víctor Lopez Carbajales e Manu Lago encárganse da produción e o vestiario é de Adolfo Domínguez.

O lugar escollido para a súa estrea é un antigo neveiro recuperado, unha construción escavada na terra e cuberta con pedra, que se utilizaba para almacenar a neve durante o inverno e aproveitala despois para a conservación de alimentos ou para fabricar bebidas xeadas, ou mesmo con usos terapéuticos.

0.16563677787781