“O noso obxectivo fundamental é divulgar a cultura galega”

OurenseXa
Falamos con David Villarino Olmos, director e profesor da escola da agrupación Lembranza Solpor, que leva case medio século traballando pola preservación, difusión e ensino da música e do baile tradicional galego en Celanova
Lembranza Solpor
Lembranza Solpor
20 Apr 2025

Falamos con David Villarino Olmos, director e profesor da escola da agrupación Lembranza Solpor, que leva case medio século traballando pola preservación, difusión e ensino da música e do baile tradicional galego en Celanova. Con máis de 100 alumnos actualmente, esta entidade vive un dos seus mellores momentos, combinando a recuperación da tradición coa innovación, e cun calendario de actividades cheo de retos e ilusións.

Cal é o voso obxectivo principal como agrupación?

O noso obxectivo fundamental é divulgar a cultura galega e ofrecer formación musical e de baile tradicional aquí, na comarca de Celanova. Esta é unha zona con moita tradición: había bailadores, danzantes, gaiteiros… Mesmo en Celanova estaba o famoso gaiteiro de Penalta. Eu son de Xinzo de Limia, e tamén alí hai unha fonda raíz musical.

Como ves o estado da música tradicional na actualidade?

Creo que a música tradicional cambiou moito nos últimos 5 ou 10 anos. A aparición de moitos grupos novos galegos axudou moitísimo. Houbo unha evolución cara a un estilo máis moderno, pero sen esquecer as raíces. Moitos artistas do panorama actual están dándolle unha volta á tradición, modernizándoa pero mantendo a esencia, e iso paréceme moi positivo.

Como evolucionou Lembranza Solpor nos últimos anos?

Levo tres anos na agrupación e dende entón pasamos de ter uns 20 ou 22 alumnos a contar actualmente con 110 persoas. Temos unha banda de gaitas, un grupo de música tradicional, cantareiras, seccións de baile, tanto infantil como de adultos… Ensaiamos semanalmente e hai un compromiso moi forte por parte de todos, tanto en tempo como en esforzo, para ofrecer unha formación de calidade.

É tamén unha forma de dar a coñecer a música de Celanova, non si?

Por suposto. Lembranza Solpor leva 46 anos de historia e está moi arraigada na vila. Fundouna o antigo párroco de Celanova, e o proxecto foi medrando. Hoxe temos cantareiras, grupo de baile, grupo de gaitas, unha coral chamada tamén Solpor e incluso un grupo de teatro. Houbo unha etapa na que a agrupación quedou parada, estivo uns cinco ou seis anos case desaparecida, pero agora recuperouse con forza. A clave está en que sen xente nova, sen escola, non hai agrupación que aguante. Hai que sementar para que a tradición continúe.

Contades con apoio institucional?

Si, claro. O Concello de Celanova colabora activamente: estamos nun local municipal e recibimos unha subvención anual para fomentar as actividades. A Deputación de Ourense tamén nos axuda, sempre que lles presentamos o noso proxecto anual. Ademais, o alumnado tamén contribúe pagando unhas cotas trimestrais, que son fundamentais para manter a escola e a asociación. Pero sen o apoio das institucións públicas sería practicamente imposible.

Agora estades en temporada de ensaios, que proxectos tedes en mente?

Despois do concerto de Nadal, que é un dos máis importantes do ano, con máis de 50 músicos e bailaríns no escenario, facemos unha pequena pausa ata que pasa o Entroido. Eu, como limiao, gústame descansar nesas datas. Pero despois do Entroido, xa non paramos en todo o ano. Agora mesmo estamos preparando a tempada de actuacións. Iremos a concursos e festivais, entre eles un en Portugal e outro en Ortigueira, onde representaremos á provincia de Ourense no seu 50 aniversario. E, por suposto, tamén organizaremos o noso propio festival en agosto: Lembranza Ibérica.

Xa tedes todo preparado para esta edición do festival?

Este ano queremos darlle un xiro. Será a terceira edición de Lembranza Ibérica e celebrarase de xoves a domingo. Imos compaxinalo cun grupo de compañeiros de Celanova que están a recuperar o Folión Castrexo, unha tradición que levaba 14 anos sen celebrarse. Ao final, Lembranza Solpor tamén trata diso: de recuperar tradicións locais, poñelas en valor e devolverllas ao pobo.

Un ano completo, polo que parece.

Totalmente. Temos o calendario cheo. Todo funciona grazas ao traballo e ao compromiso. En Celanova hai moita cultura, o que ás veces falta é alguén que dea o primeiro paso. Aquí hai unha banda de música histórica, charangas, grupos de gaitas… Só hai que poñer a andar os proxectos.

⚙ Configurar cookies
0.10116791725159