O novo CAPD de Ourense abrirá en abril sen consenso entre a Xunta e os membros da Plataforma ProCAPD
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse esta mañá cos representantes das entidades que conforman o CERMI para presentarlles as principais características do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Ourense. Tras o acto, a conselleira subliñou que a Xunta destinará 8 millóns de euros á xestión do centro nos próximos dous anos e destacou que a xestión social “será garante dunha atención e un servizo de máxima calidade e vangarda”.
No encontro, no que se avanzou que a previsión é que este centro público, que contará con 110 prazas e será xestionado por unha entidade social, abra as súas portas o vindeiro mes de abril, tamén participaron o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, o delegado da Xunta na provincia, Manuel Pardo, a deputada de Políticas Sociais da Deputación, Patricia Torres, a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, e o presidente do CERMI, Ramón Sestayo
Tras a reunión, a conselleira de Política Social e Igualdade destacou o papel do CERMI como “interlocutor fundamental” da Xunta e agradeceu o seu compromiso que, segundo incidiu, “axuda a seguir mellorando o benestar das persoas con discapacidade e as súas familias”. Nesta liña, fixo fincapé na aposta do Goberno galego polas entidades sociais que “aportan unha sensibilidade única e permiten prestar unha atención da máxima calidade aos usuarios”.
En relación ao CAPD de Ourense, lembrou que o centro, no que o Goberno galego investiu 10 millóns de euros na súa construción, xa está totalmente equipado e conta con servizos de vangarda. Este centro disporá de 110 prazas públicas (30 de atención diúrna e 80 residencial) e prezos 100% públicos. Concretamente, o CAPD ofertará prazas específicas para persoas con autismo, para discapacidade intelectual, parálise cerebral e dano cerebral.
No tocante á xestión social do centro, a conselleira garantiu que os usuarios do CAPD “estarán perfectamente atendidos e a Xunta velará porque así sexa” e subliñou que “é o momento de darlle a confianza que merecen ás entidades sociais”.
Neste sentido, lembrou que estas entidades están, na súa maioría, integradas por familias, nais, pais e persoas con discapacidade que decidiron aliarse e conformar este tecido asociativo. Polo que, engadiu, “están totalmente preparadas e así o levan demostrando moitos anos”.
ENCONTRO COA DEPUTACIÓN
Pola súa conta, na tarde de onte, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu no Pazo Provincial a unha delegación da plataforma ProCAPD, dando así resposta á petición dun encontro coa presidencia da institución provincial, realizada en días pasados polo propio colectivo.
Xunto á deputada de Política Social, Patricia Torres, e membros da área de Benestar da Deputación, na reunión tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón.
Na convocatoria, os representantes da plataforma expuxeron as súas demandas ante a próxima posta en marcha do novo Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Ourense.
Pola súa banda, os representantes da Xunta de Galicia deron a coñecer os detalles das instalacións e do modelo de xestión que se quere implantar. Entre tanto, o presidente da Deputación destacou que Ourense terá por fin un centro cunhas modernas instalacións que darán resposta ás necesidades das familias das persoas discapacitadas e cunha xestión que tamén vai garantir unha atención de calidade.
XESTIÓN PÚBLICA E DIRECTA
Pola súa banda, os membros de ProCAPD Ourense continúan reivindicando a xestión pública e directa do futuro Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Ourense. A Plataforma expresa o seu rexeitamento á mercantilización dos servizos para persoas con discapacidade e solicita que, do mesmo xeito que acontece nos CAPD do resto de Galicia, a atención sexa prestada por persoal da Xunta de Galicia.
Tamén de CCOO, como membros desta plataforma, desmentían onte as declaracións da conselleira de Política Social e negan que o Centro de Atención ás Persoas con Diversidade Funcional de Ourense careza de medios persoais e materiais axeitados. “Esta afirmación obedece a un pretexto sen fundamento para tentar xustificar a privatización da xestión”, denunciaron dende o sindicato.
En declaracións reproducidas por varios medios de comunicación, Fabiola García mesmo chega a concretar cales son as categorías laborais onde non habería ese persoal propio cualificado: psicoloxía, traballo social, educación social, terapia ocupacional e logopedia. Tras o que a conselleira acaba afirmando que esa ausencia faría “necesario externalizar a xestión do centro”.
Ante isto, CCOO lembra que o procedemento de selección de persoal temporal no ámbito da Administración autonómica é público e pódese acceder a el a través da páxina web da Xunta de Galicia. “Abonda cunha simple consulta” ao estado das listaxes de contratación para cada unha das categorías, explica CCOO, para desmentir tales afirmacións.