O novo Centro Integral de Saúde Novoa Santos de Ourense, declarado com proxecto público de urxencia

OurenseXa
Con este acordo, o Executivo galego achegará celeridade á construción do que será o primeiro Centro Integral de Saúde da provincia ourensá
Imaxe do edificio do Centro de Saúde Novoa Santos, Google Maps
Edificio do Centro de Saúde Novoa Santos, imaxe de Google Maps
8 Out 2024

O Consello da Xunta aprobou este luns declarar o novo Centro Integral de Saúde Novoa Santos de Ourense como proxecto público de urxencia e de excepcional interese.

Con este acordo, para a tramitación das obras do novo equipamento sanitario por Lei 3/2016 do 1 de marzo, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, o Executivo galego achegará celeridade á construción do que será o primeiro Centro Integral de Saúde da provincia ourensá.

Así, e tras supervisar e aprobar o seu proxecto de execución, que determinará o orzamento final necesario, a Xunta licitará as obras, que teñen un importe estimado de máis de 14 millóns de euros.

A actuación recollerá os traballos de demolición do actual inmoble e a construción da nova infraestrutura sanitaria, que atenderá a unha poboación de 130.000 persoas.

O futuro equipamento sanitario de vangarda distribuirase en 13 andares (semisoto + baixo + 11 andares) e contará cunha superficie construída de 7.584 metros cadrados.

Deste xeito, o Executivo galego reforzará a atención sanitaria da cidade de Ourense incorporando novos servizos, integrando no mesmo espazo o Punto de Atención Continuada (PAC), e ampliando a atención médica e de enfermería fóra do horario ordinario.

A maior dispoñibilidade de espazo permitirá incorporar novos servizos como programas de rehabilitación integral (solo pélvico, enfermidades musculoesqueléticas e rehabilitación cardíaca), así como ampliar a dotación de recursos, estruturais, diagnósticos e humanos. Ademais, permitirá incorporar novas unidades de diagnóstico, con equipos e salas de ultrasóns e radiodiagnóstico; de saúde mental e de rehabilitación.

As instalacións do novo CIS Novoa Santos de Ourense disporán dunha área asistencial de atención clínica, con 33 consultas de medicina, enfermería, farmacia, odontoloxía e hixienista; 4 salas polivalentes e 4 salas de docencia; ademais das correspondentes salas de técnicas, de tomas de mostras e de espera de pacientes, área de pediatría, con 4 consultas, médicas e de enfermería, cunha sala polivalente e unha sala de lactación.

Xunto con isto, engádese a área de atención á muller con 2 consultas e incluirá o Centro de Orientación Familiar (COF) con dúas consultas de obstetricia, unha consulta de enfermería e unha consulta de psicoloxía.
Ademais contará con novas unidades como a área Integral de rehabilitación, cunha consulta de fisioterapia, un ximnasio con 6 cabinas de tratamento e unha sala de rehabilitación; a área de saúde mental, con 17 consultas: psiquiatría, enfermería, traballo social, psicoloxía e docencia; a área de radiodiagnóstico, cunha nova sala, específica de diagnóstico por ultrasóns, de nova creación, e unha sala de ecografía, ademais dunha área específica de telemedicina.

0.21578288078308