O novo CIS de Ourense contará cun investimento previsto superior aos 10 millóns de euros

OurenseXa
Con máis de 5.600 metros cadrados de uso asistencial, será o primeiro centro integral de saúde da provincia
cis-novoa-santos-ourense
Centro de Saúde Novoa Santos, Ourense
19 Mar 2025

A Xerencia da área sanitaria inicia a planificación da asistencia necesaria para a execución do novo Centro Integral de Saúde de Ourense, un proxecto da Xunta de Galicia que conta cun investimento previsto superior aos 10 millóns de euros, para xerar un espazo asistencial de máis 5.600 metros cadrados clave para a Atención Primaria da cidade.

Para posibilitar a demolición do actual edificio e a construción do CIS, no espazo que hoxe ocupa o Centro de Saúde Novoa Santos, sempre sen interromper a atención, procederase ao traslado provisional da actividade asistencial a espazos coa mellor funcionalidade posible, tanto para os usuarios como os profesionais.

A maior parte das consultas e servizos situaranse no Centro de Especialidades da rúa Concello, que a súa vez trasladará parte da actividade que acolle agora ao Hospital Universitario de Ourense, o que posibilitará reagrupar alí as consultas de Orientación Familiar (COF), Pneumoloxía e Psiquiatría tras unha reforma de espazos no Edificio Santa María Nai. Asemade, permanecerá no mesmo lugar algunhas das consultas do Servizo de Psiquiatría, a totalidade das de Dermatoloxía, o Punto de Atención Continuada de Ourense e a súa área de Radiodiagnóstico.

Ante a imposibilidade de traslado a un único espazo provisional e despois de valorar múltiples opcións, óptase por non dividir o Servizo de Atención Primaria Novoa Santos-Couto, ubicando así neste Centro de Saúde algunhas das consultas, que se beneficiarán dos servizos de apoio xa alí situados, como Fisioterapia, ademais de facilitar a coordinación co resto equipo humano, formado por profesionais médico, de enfermería, pediatría, farmacia, matronas, persoal administrativo ou de traballo social, nuns espazos de nova creación e con dispoñibilidade de salas.

A distribución da actividade asistencial nos espazos dispoñibles definirase segundo a propia organización interna do Servizo Novoa Santos-Couto, para garantir a axeitada cobertura da asistencia, mantendose desde a dirección unha actitude aberta ás suxestións de profesionais e usuarios.

A Xunta está a tramitar o Centro Integral de Saúde de Ourense como proxecto público de urxencia de excepcional interese, que achegará celeridade á construción do que será o primeiro centro integral de saúde da provincia. Unha vez finalizada esta tramitación e acadada a aprobación polo Consello da Xunta, a Consellería de Sanidade procederá a licitar as obras.

Un proxecto indispensable para a cidade

O novo CIS significará un antes e un despois para a atención sanitaria da cidade, xa que permitirá dispoñer dunha infraestrutura de nova construción, adaptada ás necesidades actuais da atención primaria, con espazos para desenvolver actividades de saúde comunitaria, docencia, cirurxía menor, áreas específicas para a atención á muller, con espazo para cursos de preparación ao parto ou postparto, áreas de pediatría e odontoloxía, probas diagnósticas, traballo social, saúde mental, fisioterapia, farmacia, etc.

Desde o punto de vista estrutural, as novas instalacións, que substituirán a un edificio dos anos sesenta, darán resposta ás actuais necesidades das infraestruturas sanitarias, en canto a sistemas de información, servidores, comunicacións e circuítos horizontais e verticais, climatización, e por suposto accesibilidade, eliminando obstáculos e facilitando o paso de usuarios en cadeira de rodas, parada de turismos e ambulancias, e en xeral a circulación das persoas polo centro.

O de Ourense será o cuarto centro construído cun modelo de atención integral no que se integra a atención primaria ordinaria, a atención urxente e distintos servizos especializados, tras a posta en marcha do Centro Integral de Saúde de Lugo e o Centro Integral de Saúde de Lalín, e o CIS Olimpia Valencia de Vigo, que está en plena execución.

Proxecto sostible que incorpora a madeira

O proxecto adxudicatario do novo edificio que albergará o CIS, foi elaborado polo estudo de arquitectura Ezcurra e Ouzande, e incorpora, de acordo cos pregos de contratación, o uso da tecnoloxía da madeira tanto no seu sistema estrutural como no seu cerramento. Un modelo de arquitectura sostible que a Xunta de Galicia implantou no PAC da Laracha e incorporado tamén nos proxectos e ampliación do centro de saúde do Porriño ou dos novos centros de saúde de Abegondo, Antas de Ulla ou Moaña.

Proponse así unha estratexia sostible que utiliza materiais, métodos de construción, sistemas enerxéticos e infraestruturas de instalacións que seguen os principios C2C de economía circular, apostando por un desenvolvemento que se inspira nos ciclos dos procesos naturais, empregando o máximo de enerxías renovables no proceso de construción.

O edificio do novo CIS de Ourense constará de 11 alturas con cuberta plana, e incorporará cubertas, patios e paramentos que irán tecendo, xunto ao desenvolvemento funcional, un acabado vexetal, para o illamento de cubertas e muros, posibilitando a creación de xardíns que humanizan o centro sanitario.

Na imaxe de conxunto, o sustentable e natural terá un protagonismo clave, mediante o uso de elementos vexetais, mediante o uso de plantas, en cubertas e xardíns verticais, e madeira no pechamento, os paramentos e as carpinterías. A madeira funcionará así como ferramenta para reducir as emisións de carbono e mitigar os efectos do cambio climático.

⚙ Configurar cookies
0.12412095069885