O novo polígono industrial de Barbadás está cada vez máis preto de facerse realidade

O Concello de Barbadás dá un paso máis cara á creación dun polígono industrial no municipio, un dos proxectos estratéxicos prioritarios para o goberno local. O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, e o concelleiro de Promoción Económica, José Manuel Morgade, reuníronse esta semana con Beatriz Sestayo, xerente de Solo Empresarial do Atlántico (SEA), para avaliar os dous informes elaborados sobre a viabilidade do polígono. “Ambos informes ofrecen resultados esperanzadores, sobre todo porque permitirían dotar de solo industrial unha zona moi próspera que o precisa”, subliñou Sestayo.
Os estudos analizan polo miúdo a viabilidade urbanística, técnica e económica do proxecto, e os dous son favorables, o que supón un avance importante para acadar este obxectivo estratéxico. Tamén se destaca a excelente localización de Barbadás, moi próxima á cidade de Ourense, e a súa boa conexión coas vías de alta capacidade.
Xosé Carlos Valcárcel salientou a relevancia dos informes favorables e reiterou o compromiso do goberno local con este proxecto: “Seguimos traballando para implantar no noso territorio unha área industrial que dinamice aínda máis o cuarto municipio da provincia”. Nesa liña, lembrou os obxectivos do futuro polígono: “Crear emprego, a pesar de sermos xa un dos concellos ourensáns con menor taxa de paro, e diversificar as actividades industriais e empresariais de Barbadás”.
O seguinte paso será a redacción dun proxecto estruturante e outro de urbanización, a cargo do Concello, co fin de analizar os custos e fixar o prezo do investimento, no que SEA sería o investidor maioritario. Na xuntanza tamén se valorou a importancia de achegarse ao tecido empresarial do municipio para coñecer de primeira man as súas necesidades e inquedanzas.